Estás en:Emprego Novas

A Deputación, Paideia e a EOI impulsan un programa formativo en márketing dixital para a mocidade

O programa formativo "Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo" está dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos e en situación de desemprego.

As persoas participantes poderán gañar a oportunidade de desenvolver a súa propia cooperativa co apoio financeiro da Deputación da Coruña e Fundación Paideia Galiza.

A formación será presencial e realizarase en Boiro e nas Pontes de García Rodríguez.

O programa formativo é gratuíto e require inscrición previa a través da web www.paideia.es.

A Deputación, Paideia e a EOI impulsan un programa formativo en márketing dixital para a mocidade

Esta mañá presentouse no salón de actos da Fundación Paideia Galiza na Coruña o programa formativo "Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo", organizado pola Fundación Paideia Galiza xunto a Escuela de Organización Industrial e a Deputación da Coruña. Acudiron ao acto de presentación Raúl Blanco , Secretario General de Industria y Pyme do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo; Valentín González Formoso, Presidente da Deputación da Coruña; Nieves Olivera, Directora Xeral da Escuela de Organización Industrial do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo e Guillermo Vergara, Vicepresidente da Fundación Paideia Galiza.

Este programa formativo, dirixido a menores de 30 anos en situación de desemprego, levarase a cabo de xeito presencial entre o 20 de setembro e o 17 de decembro, e poderá realizarse nos concellos de Boiro e As Pontes de García Rodríguez. Ademais de recibir máis de 250 horas de formación, as persoas participantes crearán en grupo proxectos de cooperativas no sector do márketing dixital e poderán optar a un premio polo que recibirán apoio financeiro para a constitución e desenvolvemento da súa cooperativa durante todo o ano 2022, incluíndo o salario dos participantes premiados.

Segundo declarou Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, "o obxectivo deste proxecto é formar a mozas/os e darlles a coñecer as posibilidades de autoemprego e emprendemento colectivo no sector do márketing dixital, poñendo o foco nas fórmulas de traballo cooperativo". Vergara tamén puxo en valor na súa intervención que "esta proposta formativa pretende integrar de maneira sostible no mercado de traballo a mozas/os desempregadas/os e especialmente a aqueles que corren o risco de sufrir exclusión social ou que proveñen de comunicades marxinadas".

Raúl Blanco, Secretario General de Industria y Pyme do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, destacou a importancia da colaboración público-privada para desenvolver este tipo de programas, así como a achega do Fondo Social Europeo no seu financiamento: "Grazas a estes fondos podemos contribuír a impulsar o emprego dos mozos/as que máis o necesitan e apostar polo emprendemento cooperativo como unha das formas de traballo con maior impacto social e achega de valor ó territorio", dixo na súa intervención.

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que a iniciativa se enmarca "na aposta do goberno provincial para potenciar o emprego e o emprendemento con programas coma o Plan de Emprego Local (PEL) que nos últimos anos axudou a crear 3.316 empregos e apoiou a máis de 2.000 peme e microempresas coruñesas para facer crecer os seus negocios". Formoso destacou que "esta asociación estratéxica con Paideia, coa que vimos colaborando desde hai anos, e coa EOI vainos permitir ofrecer á mocidade novas oportunidades formativas e laborais nun eido de gran proxección de futuro, como é o do markéting dixital".

A participación neste programa formativo é totalmente gratuíta e nel contarase con recoñecidos/as profesionais do márketing dixital e do traballo cooperativo, referentes tanto a nivel galego como nacional. As clases grupais levaranse a cabo de xeito presencial de luns a venres, de 10:00 a 14:00, contando con dúas sedes nas que poder realizar a formación: o LabBarbanza no Concello de Boiro e a Casa Dopeso nas Pontes de García Rodríguez.

Durante o período de formación recibiranse ademais titorías individualizadas para o desenvolvemento de proxectos de cooperativismo no sector do márketing dixital. Estes proxectos serán presentados nunha xornada na que dous deles serán recoñecidos cun premio polo que recibirán apoio financeiro para a posta en marcha do proxecto durante o ano 2022, incluíndo salarios e gastos de constitución. Ademais, durante todo ese ano contarán co asesoramento da consultora Ernst&Youngpara a xestión e desenvolvemento comercial das cooperativas gañadoras.

Esta é unha iniciativa conxunta da Fundación Paideia Galiza, EOI – Escuela de Organización Industrial, e a Deputación da Coruña, pola que se procura mellorar a empregabilidade da mocidade galega creando oportunidades a través de modelos de traballo cooperativo nun sector en continuo crecemento. Conta co apoio do Concello de Boiro e do Concello das Pontes de García Rodríguez.

Aínda que os grupos de ámbolos cursos están conformados, hai aínda opcións para conseguir algunha das prazas dispoñibles. As persoas poden realizar a súa preinscrición na web da Fundación Paideia Galiza.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X