Estás en:Emprego Novas

A Deputación abre o prazo de solicitudes para instalar empresas e proxectos emprendedores no traballo colaborativo da Capela

O centro, integrado da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación, conta con capacidade para 11 proxectos empresariais distribuídos en tres despachos individuais e zona de traballo común para oito persoas

Os proxectos emprendedores que se instalen no traballo colaborativo da Capela recibirán titorización e apoio individualizado durante a fase de incubación

O prazo para presentar solicitudes de acceso ao espazo de traballo está aberto ata o 1 de outubro

A Deputación abre o prazo de solicitudes para instalar empresas e proxectos emprendedores no traballo colaborativo da Capela

FOTO (ARQUIVO). O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, nunha visita ás instalacións

A Deputación da Coruña e o Concello da Capela abren o prazo de presentación de solicitudes para instalar empresas e proxectos emprendedores no centro de traballo colaborativo da Capela, pertencente á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.

O prazo de solicitudes remata o 1 de outubro e está previsto que os primeiros proxectos empresariais comecen a instalarse no centro esa mesma semana.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que o espazo, situado no primeiro andar do antigo centro de saúde das Neves, na Capela "conta cunha superficie de case 180 metros cadrados e capacidade para acoller ata 11 empresas, que esperamos completar este mesmo outono" e ten como obxectivo principal "xerar actividade económica e emprego, ofrecer oportunidades laborais á mocidade e loitar contra a perda de poboación no rural".

Asemade, González Formoso lembrou que "os proxectos emprendedores que se instalen na Capela recibirán durante o primeiro ano titorización e apoio individualizado e continuo" durante a fase de incubación para axudar a desenvolver as novas ideas de negocio.

O traballo colaborativo da Capela conta xa con todo o equipamento necesario para a posta en marcha e desenvolvemento de proxectos empresariais. A zona de traballo divídese en 3 oficinas modulares con mesas, cadeiras, armarios, enchufes e tomas de conexión de banda ancha, ademais dun espazo de traballo conxunto con 8 postos e unha ampla sala de reunións.

Este foi o sétimo centro en sumarse á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo que xa integran o Pazo de Arenaza en Oleiros, o Forum de Carballo, Transformando en Brión, EmprendeLab de Boiro, A Proa en Ames, o Traballo Colaborativo de Moeche e A Estación de Vedra.

O seu ámbito de actuación focalízase nun dos territorios máis castigados polo baileramento do rural, polo que todos os recursos do traballo colaborativo poñeranse en prol do desenvolvemento e benestar do Concello da Capela e da provincia da Coruña en xeral, a través da formación e profesionalización, o fomento do espírito emprendedor, a creación de empresas, a mellora da competitividade, a colaboración interempresarial, o freo da fuga de talento e a atracción de proxectos foráneos.

Para a súa posta en marcha e dinamización o Concello da Capela e a Deputación da Coruña destinan 75.000 euros, dos cales 60.000 euros corresponden a achega de fondos propios da entidade provincial (o 80%).

Na actualidade, o proxecto encóntrase en fase de captación de persoas usuarias que busquen desenvolver a súa idea empresarial ou impulsar a súa empresa. As persoas emprendedoras e novas empresas interesadas poden solicitar módulos de traballo neste espazo de traballo colaborativo ata o 1 de outubro a través do seguinte formulario en liña: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfliJ2ngtbhAB-lKQcqHjJOVedxvvZOBCo3QeJ6GEdoZoI0fA/viewform

Titorización e apoio para os proxectos que se implanten na Capela

Tras a incorporación das persoas emprendedoras e empresarias estudaranse as súas necesidades xerais de formación e adaptarase o programa formativo xeral a estas. De xeito inicial, proporcionarase formación sobre a creación de empresas para todos aqueles emprendedores e emprendedoras que contan cunha idea empresarial, pero non se atopan constituídos como empresas nin dados de alta no RETA (fase de preincubación).

Ao longo do primeiro ano ofertaranse distintas actividades formativas coa finalidade de orientar e mellorar os proxectos empresariais aloxados para que cheguen a transformarse en empresas de éxito, como o curso sobre o Plan integral de creación de empresa ou o curso Vías para conseguir financiamento para o teu proxecto empresarial, aos que se sumarán os obradoiros temáticos e eventos de construír comunidade.

En definitiva, este espazo diríxese a axudar a emprendedoras, emprendedores e empresas de nova creación que desexen desenvolver as súas ideas de negocio nun ambiente enriquecedor no que poderán aproveitarse de numerosos servizos sen custo: consultarías de negocio e emprendemento individuais e grupais; eventos orientados á xeración de sinerxías e colaboracións entre os diferentes proxectos empresariais e un espazo de traballo nun entorno rural, tranquilo, perfecto para fomentar a creatividade.

Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

O traballo colaborativo da Capela, ao igual que outros espazos como o Pazo de Arenaza en Oleiros, o Forum de Carballo, Transformando en Brión, LabBarbanza de Boiro, A Proa en Ames, o traballo colaborativo de Moeche e A Estación de Vedra, forma xa parte integrante da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.

Os cambios que afectaron no último ano ao xeito de concibir o traballo, así como á evolución das novas tecnoloxías e ao pulo das novas modalidades da economía de carácter social e colaborativo, foi considerado polo concello da Capela como un eixo de futuro a creación, posta en marcha e dinamización dun traballo colaborativo enmarcado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña para contribuír así á creación de novas iniciativas económicas ás que se lles prestará un abano de servizos de apoio, seguimento e asistencia técnica xeral para impulsalas e afianzalas no tempo.

Máis información en:

https://redecoworking.pel.gal/coworking/coworking-a-capela/

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X