Estás en:Emprego Novas

Rioboo inaugura no Pazo de Arenaza o primeiro encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación

Á reunión de traballo acudiron xestores e persoal técnico municipal de todos os centros adheridos á Rede

Rioboo destaca que a Rede "fomenta o emprendemento e axuda a reter o talento e frear o despoboamento das zonas rurais da provincia."

A Rede conta xa con 9 espazos integrados e o décimo incorporarase nos vindeiros días

Rioboo inaugura no Pazo de Arenaza o primeiro encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación

O centro de coworking da Deputación no Pazo de Arenaza (Oleiros) acolleu esta mañá a primeira reunión de coordinación da Rede Provincial Espazos de Traballo impulsada desde o Plan de Emprego Local (PEL). A esta reunión de coordinación asistiu persoal técnico e de xestión vinculado a todos os 9 centros de coworking adheridos actualmente á Rede.

Con este encontro a Deputación da Coruña busca crear sinerxías entre espazos e establecer estratexias de actuación comúns, ao tempo que os diferentes equipos xestores se coñeceron, aportaron ideas e intercambiaron boas prácticas.

Ao comezo da sesión o persoal técnico e xestor dos diferentes centros presentaron os seus coworkings ao resto de participantes para deste xeito dar a coñecer os sectores nos que se focalizan, os proxectos máis destacables que desenvolven a súa actividade neles e amosaron a súa vontade de participar nas actividades conxuntas que se coordinen desde a Rede.

Así mesmo, brindouse a oportunidade de coñecer o día a día no primeiro coworking da Rede, o do Pazo de Arenaza, realizando unha visita guiada por parte dos xestores deste espazo.

Para clausurar o encontro, o deputado da área de Emprego, José Ramón Rioboo agradeceu persoalmente a presenza de todas as persoas asistentes, así como a implicación "xestionando os coworkings, fomentando o emprendemento nos concellos e comarcas e axudando a reter o talento e frear o despoboamento das zonas rurais da provincia."

Este pon de manifesto a aposta do goberno provincial polo emprendemento e o fomento do autoemprego de calidade, como vía para avanzar no desenvolvemento socioeconómico da provincia e no benestar da poboación.

A Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo impulsada desde o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña funciona desde hai dous anos e conta xa con 9 centros adheridos e un candidato que o fará proximamente, o coworking da Pobra do Caramiñal.

Os distintos centros de traballo funcionan a nivel supramunicipal, dando servizo non só ao concello no que se emprazan, senón tamén en concellos circundantes, atendendo a criterios de eficiencia. A Rede actualmente atópase integrada por:

· Coworking Pazo de Arenaza (Oleiros)

· Emprende LAB-Barbanza (Boiro)

· Daquí Darredor (Brión)

· Coworking Carballo (Carballo)

· Coworking A Proa (Ames)

· Centro Comarcal de Desenvolvemento Rural A Fusquenlla (Moeche)

· Coworking A Capela (A Capela)

· Centro de emprendemento A Estación (Vedra)

· Green coworking (As Pontes)

Pode atopar máis información na súa páxina web: https://redecoworking.pel.gal/

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X