Estás en:Emprego Novas

Ames inaugura o coworking ‘A Proa’, que se suma á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación

O centro estará especializado nos sector audiovisual e tecnolóxico e aspira a ser clave na transformación socioeconómica do municipio

Dispón de 39 módulos de traballo para persoas emprendedoras e as solicitudes poden presentarse a través da sede electrónica do Concello de Ames

González Formoso destacou que os centros de coworking da Rede da Deputación permitiron xa a 200 emprendedores desenvolver os seus proxectos sen marchar de Galicia

Ames inaugura o coworking ‘A Proa’, que se suma á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación

Valentín González Formoso, Blas García, José Miñones e Ana Belén Paz inauguraron o novo espazo, que será o noveno da Rede Provincial

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso participou hoxe no acto oficial de inauguración do centro de coworking 'A Proa', situado na entrada do parque empresarial do Milladoiro, no Concello de Ames, e que pasa a ser o noveno centro integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo impulsada pola institución provincial

O acto, no que tamén participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira Ana Belén Paz, e o delegado do Goberno, José Miñones, serviu para inaugurar un espazo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego, con especial atención ao sector audiovisual e tecnolóxico.

A obra de acondicionamento desta infraestrutura púxose en marcha a través dun convenio de colaboración establecido entre a Deputación e o Concello polo que o ente provincial achegou 200.000 euros, máis do 35% do investimento necesario para a posta en marcha do centro.

O local, que ocupa a planta baixa do edificio de entrada ao parque empresarial do Milladoiro, recibe o nome de 'A Proa' pola súa forma de barco. A súa localización estratéxica servirá como referente e punto de información para todos aqueles emprendedores ou empresas que decidan iniciar o seu negocio en Ames.

'A Proa' conta cun total de 39 módulos de traballo, tres deles en despachos independentes. O espazo conta con todo o que necesita unha persoa emprendedora: acceso á Internet, reprografía e servizo de mentorización e asesoramento personalizado. Ademais, dispón dunha sala de reunións multimedia e que tamén se pode empregar para impartir formación, unha zona de recepción, unha zona de agarda, de despacho de billetes, escritorios para traballo individual e colectivo e unha zona de descanso para comida ou café.

Valentín González Formoso eloxiou o "espírito emprendedor que Ames ten e que se traduce en cifras de creación de emprego, de xente nova que vive aquí" e salientou que son xa "1.875 as emprendedoras e emprendedores que están a ser apoiados desde o ano 2016 pola Deputación da Coruña. "Creo que todas as administracións e todas e todos os xestores públicos que temos a capacidade de achegar o noso gran de area para impulsar calquera soño emprendedor temos a obriga de facelo", argumentou.

O presidente provincial cualificou este día como "de ledicia, pero tamén de reflexión e autocrítica" lembrando que pasaron máis de cinco anos para poñer en marcha este espazo, nos que houbo que superar diversas trabas burocráticas.

Formoso subliñou a aposta da Deputación para crear unha Rede Provincial de espazos emprendedores, que a día de hoxe conta xa con nove centros en funcionamento e que permitiron xa que "máis de 200 emprendedores e emprendedoras da nosa provincia non tiveran que iniciar o seu soño persoal en Madrid, en Cataluña, en Alemaña ou Francia, senón que puideran facelo en Galicia, no seu territorio", explicou.

"A Proa comeza hoxe a sucar o mar do emprendemento", afirmou o alcalde de Ames, Blas García, que explicou que "neste novo espazo porase a disposición de emprendedores/as e empresas da comarca servizos e infraestruturas físicas de apoio para o desenvolvemento dos proxectos empresariais na fase preliminar".

"O concello busca acompañar aos emprendedores coa prestación de determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial co fin de que, mediante unha xestión correcta, se facilite o desenvolvemento de iniciativas na localidade, comarca e entorno", afirmou Blas García, que destacou a "puxanza" dos sectores audiovisual e das TIC, que centrarán a actividade do coworking e nos que Ames ten xa experiencias empresariais de éxito.

Pola súa parte o delegado do goberno e exalcalde de Ames, José Miñones destacou que "o esforzo pago a pena" e agradeceu a colaboración de todas as persoas e institucións que fixeron posible pór en marcha o centro, chamado a ser "unha referencia no eido do emprendemento".

Miñones anunciou ademais a próxima convocatoria por parte do Goberno dunha liña de financiamento para emprendedoras dixitais, destinada a axudar ás mulleres a rachar a fenda dixital de xénero.

Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

O coworking 'A Proa' súmase así á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, que está conformada tamén polo Pazo de Arenaza en Oleiros, o Fórum de Carballo, Daquí Darredor en Brión, LabBarbanza de Boiro, o coworking da Capela, o centro de desenvolvemento comarcal A Fusquenlla de Moeche, o Green Coworking das Pontes, A Estación de Vedra e o coworking do concello da Pobra do Caramiñal, que se unirá formalmente en breve.

Os cambios que afectaron nos últimos tempos ao xeito de concibir o traballo, así como á evolución das novas tecnoloxías e ao pulo das novas modalidades da economía de carácter social e colaborativo, foi considerado polo Concello de Ames como un eixo de futuro para a creación, posta en marcha e dinamización dun coworking enmarcado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña. O obxectivo é contribuír así á creación de novas iniciativas empresariais ás que se lles prestará un abano de servizos de apoio, seguimento e asistencia técnica xeral para impulsalas e afianzalas no tempo.

A importancia deste programa radica non só na súa natureza de colaboración público-privada e no seu ámbito de actuación nun dos territorios máis emprendedores da provincia, senón sobre todo, por todos os recursos que a través del se poñerán en prol do desenvolvemento e benestar do concello de Ames e da provincia da Coruña en xeral, a través da formación e profesionalización, o fomento do espírito emprendedor, a creación de empresas, a mellora da competitividade, a colaboración interempresarial e a atracción e retención de talento.

Mais información sobre a Rede Provincial de Espazos de Traballo: https://redecoworking.pel.gal

Acceso de empresas e persoas emprendedoras ao coworking A Proa

O centro "A Proa" está destinado a persoas físicas ou xurídicas cun proxecto empresarial en fase de idea ou empresas recentemente constituídas, sendo posible solicitar un máximo de tres módulos de traballo por proxecto empresarial.

As persoas e empresas solicitantes agrúpanse en tres tipoloxías:

Persoas emprendedoras: aquelas que de forma individual ou en grupo estean a traballar nunha idea/proxecto e vaian crear unha empresa. Este tipo de usuarios/as considéranse en fase de preincubación.
Novas empresas: aquelas persoas físicas ou xurídicas que non conten cunha antigüidade superior a dous anos de exercicio empresarial, a contar desde a data de rexistro da empresa ou alta no RETA e precisen dun apoio especial para mellorar as súas expectativas de supervivencia. Este tipo de beneficiarios considéranse en fase de incubación.
Usuarios/as puntuais: aquelas persoas físicas ou xurídicas que con carácter esporádico e puntual soliciten a utilización da aula de formación/eventos das instalacións para actuacións vinculadas co emprendemento ou a actividade empresarial que desenvolvan.

As solicitudes deben presentarse de xeito telemático na sede electrónica do Concello de Ames e toda a información relativa ao coworking pode atoparse na súa páxina web: https://www.espazoaproa.gal/. Terán prioridade de acceso os proxectos que pertenzan a sectores relacionados coa tecnoloxía e o audiovisual e, ata o momento, xa se recibiron 55 solicitudes para traballar neste espazo.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X