Estás en:Emprego Novas

A III Semana do Cinema Galego, a gran mostra do audiovisual do país, celebrarase do 8 ao 13 de marzo na cidade da Coruña

A nova edición da cita, que conta co apoio da Deputación, exhibirá as producións galegas máis recoñecidas dos últimos meses da man das e dos profesionais do noso cinema e inclúe dúas sesións especiais de inauguración e clausura

A Academia Galega do Audiovisual quere consolidar a iniciativa, de carácter non competitivo, como "o grande evento cinematográfico de referencia en Galicia"

A III Semana do Cinema Galego, a gran mostra do audiovisual do país,  celebrarase do 8 ao 13 de marzo na cidade da Coruña

A Coruña celebrará do 8 ao 13 de marzo a III Semana do Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país. Durante seis días, a cidade situarase no epicentro da actividade cinematográfica do territorio. O audiovisual galego exhibirá as súas producións máis recentes e recoñecidas da man das e dos profesionais do cinema galego, dos equipos artísticos, nunha cita consagrada, na súa totalidade, ao talento máis próximo.

A tesoureira da Academia Galega do Audiovisual, Carmen Méndez, acompañada polo deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, e polo edil de Relacións Institucionais e Turismo do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego, presentou esta terceira edición, na que a alfombra vermella lucirá no Teatro Colón dar a benvida a unha coidada programación conformada polas mellores longametraxes e documentais do último ano. Concretamente, proxectaranse os traballos finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022 que concede a Academia Galega do Audiovisual, traballos que darán boa conta do talento do país. Os propios equipos artísticos dos filmes presentarán os seus proxectos no recinto coruñés.

Con esta terceira edición, a AGA quere consolidar a Semana do Cinema Galego como a gran celebración non competitiva da tempada do cinema do país. Coa ollada posta en citas como Málaga, Cannes ou Venecia, a intención da Academia é impulsar un punto de encontro para público e artistas, incorporando tamén a cidade como un dos seus escenarios principais. Unha ocasión carismática, sedutora e máxica, con todo o glamour do mellor cinema, que quere ser "unha das grandes citas da tempada", sinalou Carmen Méndez. Ademais, a directiva da Academia, quen presentou a nova imaxe e o vídeo promocional da iniciativa, avanzou que a actividade desta III Semana do Cinema Galego incorpora, alén dos filmes finalistas dos Mestre Mateo, dúas películas especiais que se proxectarán tanto na inauguración coma na clausura da mostra.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X