Estás en:Emprego Novas

A Deputación convoca a quinta edición dos Premios PEL ás mellores empresas da provincia

Destinados a pemes, microempresas, persoas profesionais autónomas, asociacións e clústers empresariais de toda a provincia, repartiranse un total de 75.000 euros

As entidades gañadoras recibirán 20.000 euros, mentres que as segundas clasificadas optan a accésits por importe de 5.000 euros

Establécense tres categorías de premio: mellor iniciativa empresarial nova, mellor iniciativa empresarial consolidada e mellor asociación empresarial

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto desde o 26 de maio ata as 14.00 horas de 28 de xuño

A Deputación convoca a quinta edición dos Premios PEL ás mellores empresas da provincia

Foto (ARQUIVO): Acto de entrega dos Premios PEL 2021

O BOP publioca hoxe a convocatoria da V edición dos Premios PEL da Deputación da Coruña. Galardóns xa consolidados, que constitúen unha das citas anuais clave do sector empresarial da provincia.

O obxectivo destes galardóns é o de recoñecer o esforzo e implicación das empresas, persoas profesionais autónomas, das asociacións e clústers empresariais da provincia no desenvolvemento económico, na creación de emprego e riqueza no territorio.

Ao éxito na recepción de candidaturas nas pasadas edicións, máis de 300 en total, súmase a gran confluencia de asistentes aos actos de entrega de galardóns, situándoo como un dos premios con maior participación e acollida na escena provincial.

Nesta nova edición, a Deputación destinará un total de 75.000 euros a premiar a excelencia das empresas e asociacións empresariais da provincia, o que o consolida como uns dos premios mellor dotados tanto a nivel rexional como nacional.

A principal novidade desta edición é a redución de categorías pasando das cinco que viñan sendo habituais a tres coa finalidade de incrementar o montante dos primeiros premios nas categorías con maior concorrencia, así como o aumento do número de entidades que resultarán beneficiarias, pasando de cinco a seis, xa que as bases tamén se contemplan a inclusión da posibilidade de entrega de accésits para aquelas candidaturas que o xurado estime oportuno.

As entidades gañadoras de cada categoría recibirán un premio de 20.000 euros, mentres que os segundos clasificados de cada categoría optarán a accésits por importe de 5.000 euros.

As tres categorías da presente edición dos Premios PEL son as seguintes:

1ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa empresarial nova, para pemes, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade en 2021 ou 2022 e se constituísen ou desen de alta no RETA neses anos e sempre con anterioridade á data de publicación da convocatoria no BOP.

2ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada, para pemes, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade en 2017 ou con anterioridade e se constituísen ou desen de alta no RETA no mesmo período.

3ª CATEGORÍA: Premio á mellor asociación empresarial, para asociacións, clústers, agrupacións e federacións de empresarios/as da provincia da Coruña, que conten con 25 ou máis empresas asociadas.

Débese ter en conta que non se admitirá máis dunha candidatura por entidade nin candidaturas presentadas por empresas gañadoras de edicións anteriores do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial en ningunha das súas categorías.

Tal e como especifica a convocatoria o prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto desde mañá, 26 de maio e ata as 14.00 horas do 28 de xuño. A presentación de candidaturas só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma Subtel: https://sede.dacoruna.gal/subtel/ A mera presentación en tempo e forma suporá a súa aceptación no proceso de valoración e selección.

Cada entidade candidata presentará o anexo de memoria de candidatura, que non poderán exceder das 7 páxinas e deberá incluír, con carácter obrigatorio, o enlace a un vídeo de candidatura, aloxado en calquera plataforma dixital de reprodución de vídeo ou na propia web corporativa, gravado en formato horizontal, cunha resolución mínima de 1080 píxeles e de duración non superior a 3 minutos.

Pode consultar as bases e a convocatoria da V edición dos Premios PEL, así como demais información de interese, na seguinte páxina web: pel.gal/premio

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X