Estás en:Emprego Novas

O Encontro ClubUE, organizado por EUROPE DIRECT A Coruña, celebra en Oviedo a súa segunda edición, centrada na formación sobre uso seguro e responsable de Internet

Mozos e mozas dos ClubUE de A Coruña e Asturias convivirán durante tres días para fortalecer as súas competencias e intercambiar experiencias

O programa inclúe formación sobre ciberseguridade, concienciación dixital e uso responsable de Internet, así como un espazo para intercambio de experiencias, debate e networking

O Encontro ClubUE, organizado por EUROPE DIRECT A Coruña, celebra en Oviedo a súa segunda edición, centrada na formación sobre uso seguro e responsable de Internet

A segunda edición do Encontro ClubUE, as xornadas de intercambio xuvenil organizadas por EUROPE DIRECT A Coruña e EUROPE DIRECT Asturias, reunirá en Oviedo a mozos e mozas membros dos seus ClubUE para compartir tres días de formación, debate e intercambio de vivencias.

O Encontro ClubUE é unha experiencia de aprendizaxe non formal no que as persoas participantes poden desenvolver e adquirir competencias ao tempo que se atopan con compañeiros e compañeiras interesadas en compartir a súa visión da Unión Europea e as súas vivencias e experiencias neste ámbito. A segunda edición celébrase en Oviedo entre os días 9 e 11 de xullo e está organizada polos centros EUROPE DIRECT A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña, e EUROPE DIRECT Asturias, da Federación Asturiana de Concejos.

O programa de actividades previsto está dividido en dúas áreas. A primeira delas é un Bootcamp formativo que estará centrado na ciberseguridade, a concienciación dixital e a educación no uso responsable de Internet baixo a perspectiva das políticas e accións da Unión Europea. Esta formación abordará temas como a seguridade emocional en liña, o desenvolvemento dun perfil dixital seguro ou a desinformación.

A segunda área, denominada Espacio Europa, será un punto de encontro para o intercambio de experiencias, o networking, o debate europeo e para descubrir o Oviedo máis europeo.

No encontro participarán mozas e mozos da provincia da Coruña e de Asturias de entre 18 e 26 anos e que pertencen ao ClubUE, un espazo virtual pensado para achegar a mozos e mozas as oportunidades que existen dentro da UE e que foi creado por EUROPE DIRECT A Coruña en decembro de 2020. EUROPE DIRECT Asturias replicou esta iniciativa no seu territorio en outubro de 2022 e ambos centros teñen colaborado xa en varias actividades que inciden no intercambio de experiencias e creación de rede entre xente moza das dúas zonas. Hai máis información dispoñible na páxina web: https://europedirect.dacoruna.gal/europe-direct-coruna/agenda/2024/encuentroclubue

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X