Estás en:Emprego Novas

A Deputación achega 70.000 euros ao Banco de Alimentos Rías Altas para a adquisición de alimentos de primeira necesidade e a contratación de persoal

A Deputación achega 70.000 euros ao Banco de Alimentos Rías Altas para a adquisición de alimentos de primeira necesidade e a contratación de persoal

A Deputación da Coruña achegará 70.000 euros ao Banco de Alimentos Rías Altas (BALRIAL) para gastos derivados da adquisición de alimentos de primeira necesidade e contratación de persoal. Así o reflicte no convenio asinado entre o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, e o responsable do banco de alimentos, Manuel María Mora.

A colaboración económica da Deputación destinarase á adquisición de alimentos de primeira necesidade, gastos de soldos, salarios e cuotas á Seguridade Social de dúas coordinadoras e un condutor.

Por unha banda, a adquisición destes produtos forma parte do apoio alimentario, a principal razón de ser dos Bancos de Alimentos, que loitan contra a exclusión e a pobreza poñendo comida á disposición das familias en situación de precariedade. Ademais, o seu labor axuda a loitar contra o mal uso dos alimentos e evitar o desperdicio.

Neste sentido, cómpre destacar que no ano 2022, case un de cada catro galegos e galegas estaba en risco de pobreza ou exclusión social. Ademais, durante o 2023, só o BALRIAL contou con 27.111 persoas beneficiarias a través de 151 entidades e repartiu máis de 2.300.000 quilos de alimento.

Por outra banda, a contratación de persoal para algúns postos de traballo resulta fundamental para os Bancos de Alimentos. A pesar de que o seu labor está sustentado por voluntariado, existen funcións específicas que requiren de profesionais remunerados para garantir unha boa xestión. Precisamente por isto, o Banco de Alimentos das Rías Altas precisa dar continuidade aos dous postos de coordinadores a media xornada, ademais de a un condutor a media xornada responsable do transporte na área da Coruña.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X