Estás en:Emprego Novas

O Xeoparque Cabo Ortegal celebrará o Día Internacional da Xeodiversidade os días 5 e 6 de outubro

O día 5 haberá unha xornada no auditorio de Cedeira conducida polo xeólogo, divulgador científico e influencer Nahúm Méndez e, o 6, realizarase unha saída de campo dende Cedeira para coñecer o Xeoparque

O Xeoparque Cabo Ortegal celebrará o Día Internacional da Xeodiversidade os días 5 e 6 de outubro

Os próximos días 5 e 6 de outubro de 2024, o Xeoparque de Cabo Ortegal acollerá a celebración do Día Internacional da Xeodiversidade, no que se destacará o importante papel que desempeña a xeodiversidade para comprender e conservar as nosas paisaxes naturais. Este evento, enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística do Xeoparque Cabo Ortegal, forma parte dun esforzo internacional para dar a coñecer a riqueza xeolóxica dos países, o seu papel na biodiversidade e a importancia de protexer estes tesouros naturais para as futuras xeracións.

O Auditorio de Cedeira acollerá o día 5 de outubro ás 17.30 horas unha xornada de reflexión e debate no que expertos/as de relevancia nacional debatirán e compartirán coñecemento sobre distintos aspectos da xeoloxía e o Xeoparque Cabo Ortegal como a perspectiva biolóxica a xeodiversidade, a arqueoloxía, o patrimonio arquitectónico, ou as potencialidades turísticas do territorio entre outros.

O evento será conducido polo xeólogo, divulgador científico e influencer Nahúm Méndez que no seu perfil web "un geólogo en apuros" achega á cidadanía xeral a xeoloxía desde unha perspectiva didáctica e amena. Ademais contará coa participación da Comisión de Patrimonio da Sociedade Xeolóxica Española e de membros do Comité Científico da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal como o Presidente da Comisión de Patrimonio da SGE, Manu Monge; o investigador do INCIPIT Lois Armada; o Catedrático do departamento de Mineraloxía e Petroloxía da Universidade Complutense de Madrid, Ricardo Arenas ou a profesora, secretaria xeral da Real Sociedad Española de Física e vicepresidenta do Grupo Especializado de Mulleres en Física Ana Jesús López, entre outros.

O día 6 realizarase unha saída de campo para coñecer e poñer en valor recursos senlleiros do Xeoparque Cabo Ortegal. A saída será en xornada de mañá desde Cedeira con visita a varios puntos do territorio como o Macizo de Herbeira ou o Cabo Ortegal e rematará cunha desgustación de produtos locais en Cedeira.

As persoas interesadas en inscribirse ás dúas actividades ou a algunha delas poden facelo a partir do 20 de setembro no formulario dispoñible na web https://www.geodiversityday.org/ ou enviando un correo a xeodiaortegal2024@gmail.com para recibir o formulario de inscrición.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X