A Deputación segue apostando por potenciar a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle coa mellora de trazados, iluminación de túneles ou instalación de zonas WiFi
A achega do ente provincial permitirá sufragar o 85 % do orzamento total dun proxecto que se enfoca no acondicionamento e mantemento de infraestruturas xa existentes na maior Vía Verde de Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Oroso e presidente da Asociación de Concellos Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, Álex Doval e o deputado responsable da Vía Verde, Antonio Leira, participaron esta maña no acto de sinatura do convenio de colaboración polo que a institución provincial financiará con 128.000 euros novas melloras e actuacións de acondicionamento e posta en valor desta senda ciclista e peonil, a máis longa de Galicia, que discorre sobre as antigas vías do ferrocarril.
A achega do ente provincial permitirá sufragar o 85 % do orzamento do proxecto, que ascende a 149.108 euros e contempla varias accións para seguir poñendo en valor a infraestrutura impulsada pola Deputación da Coruña, a Fundación de Ferrocarriles Españoles e os municipios polos que discorre a vía: Cerceda, Tordoia, Ordes, Oroso e proximamente Santiago de Compostela.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o acordo "permitiranos seguir mellorando a maior Vía Verde de Galicia e dotándoa de máis e mellores servizos para os miles de usuarios que xa gozan dela, como unha iluminación adecuada nos túneles ou cobertura Wifi ao longo de todo o traxecto".
Formoso incidiu en que estas accións completan outras programadas pola Deputación con cargo aos fondos Next Generation do Goberno de España como a instalación de fontes ou pérgolas axardinadas para crear zonas de sombra nas áreas de descanso, que "farán da Vía Verde un recurso aínda máis atractivo para o deportes, o lecer e a promoción da mobilidade sostible".
Entre as actuacións previstas contempladas está a mellora dos trazados alternativos á senda, xa que nalgúns treitos a traza orixinaria do ferrocarril foi ocupada coa liña de alta velocidade. Inclúese tamén a mellora da iluminación do túnel no concello de Oroso, debido a que o sistema de autoabastecemento enerxético da iluminación non é suficiente, especialmente nos meses con menos luz solar.
Do mesmo xeito, levarase a cabo a instalación de sinalización complementaria con indicacións de dirección, información turística e o plan de evacuación. Tamén a creación de zonas WiFi que suplan a falta de cobertura de Internet en amplos treitos da vía.
Así mesmo, as fortes choivas provocaron desperfectos no pavimento que deben ser corrixidos, polo que unha partida resérvase para solucionar este tipo de incidencias, que contemplan tamén a recollida de pluviais baixo pasos elevados e tamén obras de drenaxe e recollida de augas en puntos concretos.
Por último, contémplase a recuperación de camiños de servizo que daban acceso ás parcelas lindeiras e que quedaron en desuso e a adquisición de mobiliario para a oficina da Asociación, que está previsto que se instale na antiga estación de Cerceda.
Con esta iniciativa, de xeito xeral, búscase seguir promovendo este camiño natural de sendeirismo e cicloturismo como un elemento de cohesión territorial mediante a posta en marcha de actividades de desenvolvemento turístico sostible.
O principal obxectivo das Vías Verdes é garantir a accesibilidade e a universalidade das persoas usuarias, sen limitacións de idade ou capacidade física, polo que con este investimento búscase realizar melloras que permitan cumprir con estas condicións.
Na actualidade estanse a executar as obras para incorporar 10 novos quilómetros en Santiago de Compostela aos 26 xa operativos desde 2022 e acadar, así, unha lonxitude total de 36. Estes traballos do termo municipal de Santiago divídense en dúas fases que, no seu conxunto, supoñen un investimento de máis de 1,8 millóns de euros.