Notas para unha edición coruñesa: acerca de 180 anos de edición na provincia (1845-2025)
Este ano, a Biblioteca Provincial celebra o 180º aniversario da súa fundación. Tendo presente este acontecemento, vén de organizar unha mostra bibliográfica sobre o labor editorial desenvolvido na provincia da Coruña durante o seu período de vida, 1845-2025.

Ao longo deste 2025, a Biblioteca Provincial festexa o seu 180º aniversario. Partindo deste acontecemento, esta Mostra trata de ofrecer unhas notas sobre o labor editorial desenvolvido na provincia coruñesa no transcurso deste período, 1845-2025.
A través de sete vitrinas, exhíbese unha selección de editoriais coruñesas e dalgunhas das súas obras, ofrecendo unha visión sintética da súa actividade. Cada unha delas ocúpase dunha etapa da produción editorial coruñesa, reflectindo a súa evolución histórica.
Vitrina 1. Precursores da edición coruñesa (1845-1920)
A data de nacemento da Biblioteca Provincial, 1845, será a escollida como inicio do período ao que presta atención a Mostra. Esta primeira vitrina presenta unha serie de establecementos dedicados á actividade impresora, algúns deles reciben o nome do seu fundador, feito habitual na época. Estes son: Nicasio Taxonera, Domingo Puga, Roel, Latorre e Martínez, Fotogravado Ferrer e F. García Ybarra.
Vitrina 2. Nacemento da edición coruñesa (1921-1936)
En 1921 fúndase en Ferrol a editorial Céltiga. Entre os seus obxectivos estaban publicar narrativa e teatro en galego, e que as obras se distribuísen de maneira masiva. Esta é a data de inicio dun novo momento no devir da edición na provincia, e en Galicia, xa que Céltiga foi a primeira en crear un sistema de traballo editorial moderno. Este modelo empresarial será secundado por outras editoras deste período. As editoriais representadas nesta vitrina son: La Comercial, Céltiga, Lar e Nós.
Vitrina 3. Edición coruñesa durante a Guerra Civil e o Franquismo (1936-1975)
O inicio da Guerra Civil marca unha nova etapa na edición coruñesa, na que escasean os libros, non só en galego, senón referidos a Galicia. Esta situación principia a cambiar a partir de 1949. A escolla de editoras inclúe: Fojo, Moret, Aturuxo, Librigal, Bibliófilos Gallegos e Castro.
Vitrina 4. Edición coruñesa na emigración (1921-1975)
A importante emigración galega a Arxentina de finais do século XIX e principios do XX, foi crucial para a aparición de entidades editoriais vinculadas á provincia da Coruña en Bos Aires, especialmente a partir do estalido da Guerra Civil Española. Esta cidade será onde se desenvolva a maior parte da actividade cultural galega deste período, dentro e fóra das súas fronteiras. As editoras amosadas son: Céltiga, Atlántida, Emecé, Nova, Botella al Mar, Citania, Follas Novas e Nós.
Vitrina 5. Desenvolvemento da edición coruñesa (1976-1999)
Coa chegada da Democracia a provincia experimenta unha explosión da actividade editorial, tanto no número de novos proxectos, como no número de títulos e exemplares das tiraxes. Este período está protagonizado polo libro en galego. A selección engloba: Alvarellos, Hércules, Espiral Maior, Embora, Toxosoutos e Laiovento.
Vitrina 6. Edición coruñesa actual (2000-2025)
O 2025, ano de celebración do 180º aniversario da fundación da Biblioteca Provincial, simboliza o punto e seguido do labor editorial na provincia. A actividade desenvolvida hoxe en día, está representada polas seguintes editoras: Demo, Ediciones del Viento, Cuarto de Inverno, Bululú, Apiario, Chan da Pólvora, Irmás Cartoné, Biblos, Através e Urco.
Vitrina 7. Edición doutros materiais
Esta vitrina exhibe materiais de diverso tipo e formato: revistas, folletos literarios e informativos, catálogos de exposicións, libros ilustrados, postais, partituras e libros-cd. É un exemplo da diversidade da produción destas entidades: Canuto Berea, Roel, Fojo, Moret, Lar, Nós, Céltiga, Librigal, Luis Seoane, Alvarellos, Urco, Através, Casa das Peritas e Chan da Pólvora.