A Deputación promociona o turismo gastronómico da provincia en Expovacaciones de Bilbao
O organismo provincial busca poñer en valor a riqueza paisaxística, patrimonial e, sobre todo, gastronómica da Coruña
O programa contempla showcookings, presentacións e degustacións de produtos característicos da provincia, contando con produtores locais

A Deputación da Coruña estará presente os días 9, 10 e 11 de maio en Expovacaciones, a feira internacional de turismo que se celebra en Bilbao, cun espazo propio no que presenta o proxecto "A paisaxe que sabe", unha iniciativa para poñer en valor a riqueza paisaxística, patrimonial e, sobre todo, gastronómica da provincia. A través desta proposta, a institución provincial convida a mergullarse na autenticidade do territorio coruñés a través dos sabores do mar, da terra e da tradición culinaria.
Durante os tres días da feira, o stand da Deputación ofrecerá unha programación continua de showcookings, presentacións e degustacións a cargo do chef Álvaro Victoriano, do Grupo Peculiar da Coruña, quen sorprenderá ao público con receitas elaboradas con produtos locais como o lahneb ecolóxico de iogur con sardiñas galegas afumadas, zume de piparras, laranxa eco deshidratada e pistachos picados, ou un guiso amontillado de fabas de Coristanco con po de kale.
As xornadas contarán tamén coa participación de produtoras e produtores destacados da provincia como Orixes Galegas, Bonilla a la Vista, Mariscos de Barallobre e Empanadas Ternura, que ofrecerán degustacións dos seus produtos e compartirán a súa experiencia no sector.
O programa comezará cada día ás 12.00 horas cun showcooking e continuará coa presentación e degustación das empanadas da firma Ternura ás 13.00 h. Ás 14.00 h terá lugar a intervención de Jorge López Pena, patrón maior de Barallobre, que presentará Mariscos Barallobre, acompañado dunha nova demostración culinaria de Álvaro Victoriano con vieira fresca da zona. Ás 15.00 h será a quenda dos produtos de porco celta de Orixes Galegas e ás 16.00 h pecharase cada xornada, a excepción da domingo, cun segundo showcooking a cargo do chef coruñés.
Ademais, o proxecto "A paisaxe que sabe" visibiliza algúns dos enclaves máis destacados da provincia que combinan interese turístico, paisaxístico e gastronómico, como a Vila de Muros, a Vila Mariñeira de Sada, o Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira Estaleiro de Ciprián en Outes, o Castro de Baroña e a Praia das Furnas en Porto do Son, o Dolmen de Axeitos en Ribeira, o Pazo de Goiáns en Boiro, a Vila de Rianxo e o Miradoiro da Curota na Pobra do Caramiñal.
A Deputación da Coruña reafirma así o seu compromiso coa promoción turística sostible e de calidade, dando a coñecer a singularidade da provincia e apostando pola gastronomía como un dos grandes atractivos do destino.