Estás en:Emprego

O 25 de maio comeza Escora Danza 2025, que bailará de novo as paisaxes da Costa da Morte

ESCORA DANZA, un proxecto da Deputación da Coruña, encamíñase cara a súa cuarta edición entre o 25 de maio e o 8 de xuño nos concellos de Corcubión, Malpica de Bergantiños, Muxía, Vimianzo e Zas

Trátase dun programa social, comunitario e interxeracional que traballa en mediación co tecido cultural e social na Costa da Morte, coa danza contemporánea como eixo vertebrador

O proxecto conta con nove compañías e artistas galegas, que mostran unha realidade diversa das artes escénicas do territorio, e que inclúe faladoiros, obradoiros, residencias artísticas, roteiros e espectáculos

O 25 de maio comeza Escora Danza 2025, que bailará de novo as paisaxes da Costa da Morte

A área de cultura da Deputacíon presenta unha nova edición de Escora Danza, un proxecto que se desenvolve na Costa da Morte e busca visilibizar o traballo artístico das compañías de danza galegas, con accións de proximidade que presentan unha oportunidade de achegar a danza a espazos pouco habituais para esta disciplina artística.

Un programa deseñado para cada territorio
Tras un proceso de análise do territorio levado a cabo en decembro de 2024, Escora Danza elabora un programa en diálogo coas asociacións e entidades locais dos cinco concellos: Corcubión, Malpica de Bergantiños, Muxía, Vimianzo e Zas. Así, deséñase unha ampla variedade de actividades adaptadas para cada concello, atendendo ás casuísticas de cada un. Unha mostra da ampla diversidade que existe na Costa da Morte.

Durante tres fins de semana entre o 25 de maio e o 8 de xuño as rúas encheranse de danza nunha diversidade de formatos. Unha programación que inclúe propostas escénicas de carácter multidisciplinar, con música en directo, residencias, encontros de reflexión, obradoiros interxeneracionais, roteiros e unha limpeza de río.

Programación
A programación comezará o domingo 25 de maio en Corcubión, onde tamén terá lugar o día 31; en Baio (Zas) será os días 30 e 5 de maio; en Malpica de Bergantiños o 1 de xuño; en Muxía o 6 e 7 de xuño e en Vimianzo o 6 e o 8 de xuño.

  • Corcubión:
    • Residencia artística en colaboración co concello dos artistas Brais Pombo e Fran Rodríguez para o proxecto "Do outro lado" do 25 de maio ao 8 de xuño.
    • 25 de maio: 17:00h. Faladoiro "Arte, Territorio e Ecoloxía: alianzas e desafíos da cultura co mundo rural". Cós artistas residentes Brais Pombo e Fran Rodríguez, Asociación Ecosocial Cultural e Medioambiental Boca de Sapo, Universidade Popular, Escola Teatro de Corcubión, Compañía de Teatro Farándula Velutina, Distrito Forestal V de Vimianzo, Asociación de Veciños San Pedro de A Redonda. Mediado por María Bella. Roteiro conxunto para finalizar a xornada.
    • 31 de maio: Obradoiro a Farándula Velutina e á Escola de Teatro de Corcubión. Ás 21:30h na Capela do Pilar, mostra da residencia "Do outro lado" de Brais Pombo e Fran Rodríguez.
  • Zas:
    • 30 de maio: Actividades co alumnado do IES Maximino Romero e CPI Zas. 
      • Ás 18:30 haberá un paseo con limpeza á beira do río que rematará co espectáculo "Velaiquich, amoorch!" de Colectivo D'elas.
    • 5 de xuño: Obradoiro "Tempostagem" ao CPI Zas
  • Malpica de Bergantiños:
    • 1 de xuño: Obradoiros para o Fogar de Pensionistas San Adrián do Mar e para a cativada de AC Raigañas.
      • Ás 13:30h, espectáculo "Ousar" de Amparo Martínez no Paseo da Praia.
      • Ás 19:00h no Porto de Malpica o espectáculo "77.000" de Colectivo DeXeito e "Lea", espectáculo creado na edición anterior do festival por Fran Sieira xunto á Asociación Adro de Baio.
  • Muxía:
    • 6 de xuño: Obradoiro "Tempostagem" ao IES Ramón Caamaño
    • 7 de xuño: Obradoiro para a veciñanza.
      • Ás 18:30 un roteiro participativo co título "Deriva Senso-sonora" guiado por Elsa Pereira que bailará ao chegar á Praza Cabo Vila, onde tamén haberá un concerto performativo de Mourae "Uma manhã que de ontem chega"
  • Vimianzo:
    • 31 de maio ao 8 de xuño: Residencia artística do artista Noel Quintela co proxecto "León"
    • 6 de xuño: Obradoiros ao IES Terra de Soneira e á Asociación Trubisquiña
    • 8 de xuño: Ás 12:30, no Castelo de Vimianzo os espectáculos "Pensar a contratempo" de Suevia Rojo e "León" de Noel Quintela. Pecharase a xornada cunha foliada.

Toda a programación pode consultarse en https://escoradanza.gal/

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X