Vimianzo acolle os días 6 e 7 de xuño o I Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte ‘Alza Voz de Muller’
Esta mañá presentouse o evento, cofinanciado pola Deputación da Coruña e o Concello de Vimianzo, nun acto no que interviñeron a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, María José Pose, e a deputada de Emprego, Rosa Ana García

O I Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte "Alza Voz de Muller" converterá a Vimianzo no punto de encontro para mulleres de diferentes lugares do noso territorio nacional que lideran empresas e dirixen proxectos.
O evento, cofinanciado pola Deputación da Coruña e o Concello, terá lugar os días 6 e 7 de xuño na Casa da Cultura vimiancesa. O programa contará, durante estas dúas xornadas, con varias mesas redondas e dous relatorios de alto nivel co propósito de que entre todas as participantes se desmonten mitos e barreiras culturas. As conversas xirarán arredor do diñeiro, do poder, do éxito e do liderado, co obxectivo de crear alianzas, redes de apoio e proxectos conxuntos entre todas as asistentes.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, María José Pose, definiu este Foro como un lugar no que "construír xuntas novas narrativas sobre o que supón ser muller" e destacou que é "profundamente transformador que isto se faga aquí. Non en Madrid, non en Barcelona, non nun gran auditorio dunha capital. Senón na Costa da Morte, en Vimianzo, no rural, no noso territorio".
"Alza Voz de Muller nace para iso: para visibilizar o talento e a capacidade transformadora das mulleres; para xerar alianzas e redes que dean lugar a novos proxectos; para abrir conversas valentes sobre temas incómodos, pero fundamentais; e para posicionar o liderado feminino como chave de futuro", concluíu.
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, destacou que "iniciativas coma esta axudan a fortalecer as economías rurais e mellorar a calidade de vida das nosas contornas. Temos todo o que se precisa para resistir eses retos e aproveitar as oportunidades que nos dá vivir no rural".
Pola súa banda, a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, puxo en valor que este é un espazo "de reflexión, de coidado e para construír unha rede de impulso e de recoñecemento. Este foro é unha aposta institucional clara pola igualdade, polo liderado feminino e pola xeración de redes de apoio e sororidade entre mulleres profesionais e emprendedoras".
Asistencia ao evento
As entradas para asistir a este evento xa están á venda a través da páxina web https://alzavozdemuller.com/