Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña e o Concello de Arteixo permutarán dúas parcelas para optimizar os servizos de ambas as dúas institucións

A Deputación traspasaralle ao Arteixo a parcela do polígono de Sabón na que actualmente conta cunha nave que serve de almacén e o Concello cederalle á Deputación unha parcela situada ao carón do novo parque de bombeiros de Morás

A Deputación da Coruña e o Concello de Arteixo permutarán dúas parcelas para optimizar os servizos de ambas as dúas institucións

Formoso e Calvelo reuníronse na Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, acordaron impulsar unha permuta de parcelas propiedade de ambas as dúas institucións co obxectivo de optimizar os servizos que prestan á cidadanía. Concretamente, a Deputación e o Concello permutarán unha parcela propiedade da Deputación situada no polígono de Sabón que actualmente alberga unha nave utilizada como almacén, por outra parcela de titularidade municipal no polígono de Morás situada ao carón do novo parque de bombeiros, actualmente en construción.

O Concello trasladará á parcela da Deputación os servizos do departamento de Obras, recollida de residuos e limpeza viaria, mentres que permitirá á Deputación centralizar as súa instalacións no parque empresarial de Morás.

Este acordo deberá agora formalizarse a través dos trámites administrativos necesarios que ambas institucións iniciarán co obxectivo de certificar a permuta das parcelas.

Valentín González Formoso destacou que "este acordo é un exemplo de colaboración institucional ao servizo da cidadanía, que nos permite gañar en eficacia e racionalidade no uso do solo público. Permitirá ao Concello de Arteixo dotarse dun espazo no corazón do polígono de Sabón para mellorar parte dos seus servizos municipais, mentres que facilita á Deputación un emprazamento estratéxico de cara ao futuro como é o parque empresarial de Morás".

Carlos Calvelo agradeceu ao presidente da institución provincial a súa "disposición para acadar un acordo que beneficia ás dúas administracións e que lles permite mellorar os servizos que ofrecen á cidadanía".

O Concello de Arteixo continúa así cos trámites necesarios para trasladar as instalacións que actualmente alberga a parcela municipal de Obras, na que tamén se sitúa o parque de bombeiros, e onde están localizadas a maquinaria e as oficinas de obras, os vehículos do sistema municipal de recollida de residuos (camións e outros vehículos auxiliares) e a maquinaria do sistema público de limpeza viaria.

O aumento dos servizos municipais de Arteixo (principalmente no sistema de recollida de residuos e limpeza viaria) deixou obsoletas unhas instalacións que carecen de espazo suficiente para albergar todos os vehículos que teñen alí a súa base de operacións. Debido a esta situación, e co obxectivo de financiar a construción de novas instalacións para estes servizos públicos, o Concello de Arteixo subastou en concurso público entre os anos 2022 e 2023 a citada parcela, que foi adquirida por Inditex por 5.082.000 euros, importe que se destinará a mellorar todas as instalacións públicas antes citadas, incluíndo tamén o novo parque de bombeiros, que ademais estará situado nunha parcela (no polígono de Morás) que permitirá gañar tempo de resposta ante posibles emerxencias grazas aos seus mellores accesos á autovía A-6.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X