A Deputación destina dous millóns de euros en subvencións a entidades que promocionan o turismo na provincia
Un total de 18 entidades benefícianse desta liña de axudas que financia proxectos que contribúen á dinamización e vertebración do territorio a través do turismo

A Deputación da Coruña vén de aprobar a resolución definitiva das axudas do programa DP0030, dirixido a entidades sen ánimo de lucro que traballan na promoción turística. Esta liña de subvencións supón un impulso económico de 2.062.060,60 euros destinados a apoiar 18 proxectos que contribúen á dinamización e vertebración do territorio a través do turismo.
As entidades beneficiarias abarcan desde asociacións de concellos e grupos de desenvolvemento rural ata fundacións e mancomunidades, todas elas con iniciativas orientadas á promoción de destinos, produtos turísticos e eventos de interese estratéxico para a provincia.
O vicepresidente provincial e titular de Turismo, Xosé Regueira, destacou "a obriga de facilitar o traballo e a cooperación entre todos os axentes do sector para a promoción turística da provincia dende un punto de vista sostible pero tamén cohesionado e que prima a calidade". "Estas axudas", engadiu, "teñen gran importancia pola diversidade da nosa oferta turística nun territorio que alberga oito xeodestinos moi diferentes, pero con liñas estratéxicas conxuntas que son o resultado dese traballo colaborativo".
En detalle, as axudas distribúense do seguinte xeito:
A Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal recibirá 152.500 euros para continuar co desenvolvemento turístico deste espazo recoñecido pola UNESCO. A Asociación de Concellos do Camiño Inglés contará con 187.500 euros para impulsar esta ruta xacobea, mentres que a Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía percibirá 124.842 euros.
A Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela‑Tambre‑Lengüelle, que promove o aproveitamento turístico das antigas vías ferroviarias, obterá 168.000 euros. Pola súa parte, a Asociación OPC Galicia recibirá 176.250 euros, e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas‑Betanzos contará con 187.500 euros para proxectos no ámbito do turismo sostible.
Outras entidades beneficiadas inclúen a Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, con 69.940 euros, e a Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría de Muros‑Noia, con 90.000 euros. Tamén a Asociación Socio‑Cultural Auga e Sal, promotora de actividades culturais ligadas ao turismo, recibirá 38.000 euros.
En canto aos organismos de carácter supramunicipal e fundacións do sector, o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña recibirá 187.500 euros, a Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) obterá 119.400 euros, a Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau disporá de 183.750 euros, e a Fundación do Instituto Feiral da Coruña será beneficiaria de 187.455,94 euros.
A empresa pública Información e Comunicación Local, S.A. (INCOLSA) recibirá tamén 187.500 euros, mentres que a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol terá unha achega de 181.250 euros. A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes contará con 68.750 euros, e a Mancomunidade Ría de Arousa‑Zona Norte con 143.750 euros. Finalmente, a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol percibirá 125.000 euros.
Este programa de subvencións reflicte a importancia do apoio público ao tecido asociativo turístico da provincia. As axudas permiten reforzar o papel destas entidades na creación de oferta turística estruturada, sostible e de calidade, contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos e comarcas da Coruña.