A Deputación da Coruña recibe luz verde de Patrimonio da Xunta para executar a mellora do punto negro da estrada DP 0810 en San Paio, Bergondo
Formoso anuncia nunha reunión coa veciñanza que a Deputación recibiu o informe favorable de Patrimionio e compromete o inicio da obra no menor prazo posible: "Por enriba da vida humana non hai nada"
A alcaldesa lembra que a demanda leva máis de 20 anos e os veciños celebran que, por fin, se desbloque a actuación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, e a deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, visitaron esta mañá o punto negro da estrada DP 0810, en San Paio á altura da finca Vila Julia, onde se reuniron coa veciñanza para trasladar a boa nova, recibida nas últimas horas, do informe favorable por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta á proposta de actuación da Deputación para anchear o vial e mellorar a seguridade na zona, un treito con alta sinistralidade, onde xa se produciron múltiples accidentes, un deles mortal.
Durante a visita, Formoso destacou a importancia deste avance e comprometeu a execución das obras no menor prazo posible:"A Deputación está disposta a resolver un problema de seguridade viaria gravísimo que arrastramos desde hai moitos anos. A obra é sinxela, pero requiría un permiso de Patrimonio da Xunta que nos tiña bloqueados. Por enriba da vida humana non hai nada, nin o patrimonio nin o medio ambiente. E neste caso púxose en dúbida esa prioridade. Temos agora a boa nova de que Patrimonio por fin nos deu a autorización, e faremos a actuación de forma respectuosa co patrimonio, afectando o menos posible ao propietario, pero sen deixar de exercer a autoridade pública para protexer a vida das persoas que pasan por esta estrada", afirmou.
O presidente agradeceu á veciñanza "a paciencia que tivo durante todos estes anos" e recoñeceu que "todos debemos aprender a lección: a xustiza que avalou esta lentitude, a administración autonómica que a provocou, e tamén a propia Deputación, por non ser máis insistentes no exercicio da nosa competencia".
Pola súa banda, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, lembrou que a loita para resolver este punto negro comezou hai máis de dúas décadas:
"Con isto empezamos hai máis de 20 anos. Non pode ser que a xustiza estea avalando os intereses dunha soa persoa por enriba do ben común e da seguridade da veciñanza e das persoas que circulan por unha estrada con moitísimo tráfico. Houbo mesmo ameazas moi serias do propietario aos técnicos da Deputación. Espero que agora si, que esta vez sexa a definitiva".
Carlos Rilo, un das decenas de veciños que se congregaron lugar para esta reunión, valorou positivamente a comunicación do desbloqueo da actuación por parte da dirección de Patrimonio Cultura da Xunta, aínda que con cautela:
"Despois de 20 anos loitando, hoxe que temos a reunión coa Deputación e coa alcaldesa chega por fin a noticia de que Patrimonio permite facer a obra. Estamos con certas reticencias, pero esperamos que sexa verdade. Temos un muro aí que está para ver, que foi denunciado no seu momento e que Patrimonio non deixou tocar ata hoxe. A culpa tamén foi nosa por non facer unha manifestación semanal. Pero ten que prevalecer o ben común sobre un particular, que ademais non ten razón ningunha neste caso".
Un punto negro viario
O tramo da estrada DP 0810 entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+440, na contorna de Vila Julia, presenta un ancho de calzada moi reducido, curvas de radio mínimo, escasa visibilidade e ausencia de espazo peonil, malia tratarse dunha zona con numerosas vivendas e un elevado tráfico de vehículos, incluso pesados.
A Deputación leva anos traballando para executar unha ampliación da estrada e a construción dunha senda peonil, actuación cualificada como "urxente e prioritaria" polo goberno provincial. A tramitación viuse bloqueada nos últimos meses pola falta do informe de Patrimonio, necesario para avanzar na redacción do proxecto, a tramitación das expropiacións e o inicio das obras.
Agora, coa autorización oficial recibida, a Deputación comprométese a executar a actuación con máxima dilixencia e co maior respecto aos elementos patrimoniais existentes, dando así resposta a unha demanda histórica da veciñanza deste núcleo de Bergondo.