Deputación apoia un ano máis o programa ESTALMAT da USC para estimular o talento matemático da mocidade galega
A deputada de Política Social e Educación, Mar García Vidal, participou na inauguración da nova promoción, celebrada na Facultade de Matemáticas da USC

A Deputación da Coruña volve apoiar un ano máis o programa ESTALMAT da Universidade de Santiago de Compostela (USC), unha iniciativa dirixida a detectar e fomentar o talento matemático de mozas e mozos de entre 12 e 13 anos con especiais capacidades nesta disciplina científica.
A deputada de Política Social e Educación, Mar García Vidal, participou esta mañá no acto de inauguración da nova promoción do programa, celebrado na Facultade de Matemáticas da USC, acompañada pola vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo; o decano da Facultade de Matemáticas, Alberto Cabada; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo; a presidenta de Estalmat Galicia, Elena Vázquez; e o vicedirector do IES de Coruxo, Carlos Vaquero.
Durante o acto, Mar García Vidal felicitou ao novo alumnado seleccionado: "Sodes unha mostra de que o talento existe en todos os recunchos da nosa terra, e de que, con oportunidades coma esta, podemos contribuír a que medre, se desenvolva e reverta no futuro da sociedade galega". A deputada tamén puxo en valor o esforzo que supón para os rapaces e rapazas comprometerse con esta formación fóra do horario escolar: "Sabemos que non é doado, pero o coñecemento e a ilusión coas que comezades esta etapa son a mellor garantía de éxito".
A representante provincial destacou que a Deputación da Coruña considera o apoio ao talento mozo como "un investimento estratéxico para o futuro" e defendeu a importancia das matemáticas como "base de moitas das grandes transformacións tecnolóxicas, científicas e sociais que vivimos e viviremos".
García Vidal lembrou tamén que a Deputación e a USC manteñen dende hai anos unha "colaboración firme e continuada" para poñer en marcha programas educativos e científicos que permitan detectar e potenciar capacidades especiais entre a mocidade: "Queremos que rapazas e rapaces con inquedanzas e aptitudes teñan a oportunidade de acceder a formación de calidade, desde as etapas máis temperás, e poidan construír así o seu propio camiño cara ao coñecemento e á innovación".
A nova promoción de ESTALMAT Galicia estará integrada por 25 alumnos e alumnas de toda a comunidade, que durante dous anos recibirán formación especializada en matemáticas durante as fins de semana.