Narón inaugura o novo campo de tiro con arco "Iria Grandal", financiado pola Deputación da Coruña a través do Plan Único
A instalación, situada no polígono do Río do Pozo, conta cun edificio de servizos e zonas de tiro renovadas e leva o nome da arqueira olímpica galega Iria Grandal

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participaron esta mañá no acto de inauguración do novo campo de tiro con arco "Iria Grandal", unha infraestrutura deportiva promovida polo Concello e financiada a través do Plan Único da Deputación. No acto participou tamén a propia Iria Grandal, que descubriu o cartel que dende hoxe dá nome á instalación.
A nova instalación está situada no Polígono do Río do Pozo e ocupa unha superficie de máis de 6.000 metros cadrados, cun edificio auxiliar de servizos, zona de disparo e espazos adaptados para o adestramento. A obra permitiu dotar ao municipio dunha infraestrutura moderna, accesible e segura para a práctica deste deporte, cumprindo os criterios técnicos e normativos máis esixentes.
Durante o acto, a deputada provincial Rosa Ana García destacou que "este tipo de actuacións son posibles grazas ao Plan Único da Deputación, o principal instrumento de cooperación cos concellos da provincia, que permite dotar aos municipios de infraestruturas e servizos públicos de calidade". García lembrou que en Narón se executaron 74 obras con cargo ao Plan Único nos últimos dez anos, cun investimento total de 18,2 millóns de euros, que se teñen traducido na mellora de rúas, edificios e espazos públicos, zonas rurais e tamén de instalacións deportivas, como o skatepark da rúa do Peregrino ou as pistas de atletismo de Río Seco.
A alcaldesa Marián Ferreiro agradeceu o apoio da Deputación e subliñou que é un orgullo para Narón que a instalación leve o nome de Iria Grandal, de quen destacou non só a súa traxectoria deportiva, senón "a súa paixón e ese corazón admirable".
O campo leva o nome da arqueira Iria Grandal, olímpica nos Xogos de Londres 2012, como homenaxe á súa traxectoria e como símbolo do impulso ao deporte feminino. "Este espazo representa tamén o recoñecemento a unha muller que foi pioneira e que levou o nome de Galicia ao máis alto nivel nun deporte que merece máis visibilidade", sinalou Rosa Ana García.
O novo equipamento contou cun investimento de 410.938 euros con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña e responde á vontade de seguir mellorando o acceso ao deporte e o benestar da cidadanía desde o ámbito local.