Estás en:Emprego

A Deputación aproba 1,3 millóns de euros para a mellora da seguridade de estradas provinciais en Negreira, Valdoviño e Cambre

As actuacións están destinadas a mellorar a seguridade viaria na rede provincial de estradas

A Deputación aproba 1,3 millóns de euros para a mellora da seguridade de estradas provinciais en Negreira, Valdoviño e Cambre

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade a execución de tres proxectos destinados a mellorar a seguridade viaria na rede provincial de estradas, cun investimento total de 1.353.813 euros. As actuacións levaranse a cabo nos concellos de Negreira, Valdoviño e Cambre.

No concello de Negreira aprobouse o proxecto de execución de sendas peonís nas estradas provinciais DP-5602 e DP-1302, cun orzamento de 725.971 euros. A actuación contempla a construción unha senda peonil en ambas estradas para mellorar a seguridade viaria. Terán dous metros de ancho e, para que isto sexa posible, será necesaria a execución de muros de pedra granítica para a contención de terras, así como bordos de formigón prefabricado nas zonas onde non sexa posible dispoñer muro.

O proxecto inclúe tamén melloras na intersección da estrada DP-5602, ampliando a plataforma e executando cuñas de acceso e saída. Do mesmo xeito, prevese a renovación do sistema de drenaxe, a canalización para alumeado público e a reposición da sinalización e a colocación dunha varanda de aceiro nos treitos con muro.

O pleno deu luz verde á mellora da seguridade viaria na estrada DP-2502, no lugar de Vilaboa, en Valdoviño, cun investimento de 384.568 euros. As obras consisten na ampliación da plataforma da estrada para acadar dous carrís de circulación de tres metros de ancho cada un, así como na execución dunha beiravía exterior de dous metros destinado ao tránsito peonil.

Ademais, renovarase tamén a sinalización horizontal e vertical e instalaranse redutores de velocidade para favorecer unha circulación máis segura.

Por último, no concello de Cambre, aprobouse o proxecto técnico de mellora da intersección da estrada DP-0102 no punto quilométrico 1+600, de Lema a Orto, cun orzamento de 243.274 euros. A actuación consiste na transformación da actual intersección en T nunha semiglorieta cun carril central de espera, co fin de reducir o risco de accidentes e facilitar unha circulación máis fluída e ordenada.

O proxecto inclúe a demolición e retirada de elementos para proceder ao movemento de terras necesario para a ampliación da plataforma. Do mesmo xeito, contémplase a execución do novo drenaxe e do novo alumeado adaptado á nova sección; a execución de firmes e pavimentos necesarios e a reposición de cerres e accesos existentes ás parcelas. Por último, procederase á reinstalación da sinalización vertical e horizontal adaptada á actuación realizada no ámbito.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X