A Deputación e o Concello de Cedeira investirán 588.790 euros nas obras de ampliación e reforma da piscina municipal
Valentín González Formoso e Pablo Moreda asinaron hoxe o convenio de colaboración, que permitirá ampliar a piscina e mellorar a eficiencia enerxética do edificio
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, asinaron hoxe o convenio de colaboración para financiar as obras de ampliación e reforma da piscina municipal da localidade, unha actuación necesaria para mellorar unha das principais instalacións deportivas do municipio. Ao acto asistiu tamén o concelleiro Noel López.
O investimento total do proxecto ascende a 588.790 euros, dos que a Deputación achega 300.000 euros, o que supón o 51 % do orzamento total, mentres que o Concello asume o financiamento restante.
As obras permitirán modernizar e ampliar unha infraestrutura construída en 1985, situada na Avenida de España, dentro do complexo deportivo municipal, que presenta importantes carencias tanto en termos de eficiencia enerxética como de funcionalidade e capacidade. A actuación poderá desenvolverse sen interferir no uso doutras instalacións deportivas do conxunto, xa que a piscina conta con accesos e vestiarios independentes.
O proxecto, redactado polo arquitecto Iván Rivas Rico, contempla unha intervención integral que aborda dúas grandes liñas de actuación: por unha banda, a mellora da envolvente térmica do edificio e, pola outra, a ampliación do vaso da piscina para adaptalo ás necesidades actuais da veciñanza e dos clubs deportivos da vila.
No ámbito da envolvente, está prevista a execución de novos cerramentos e muros de formigón armado, a incorporación de illamento térmico continuo en fachadas e cuberta, así como a substitución dos actuais paneis de policarbonato por peches de vidro illante que permitan manter a entrada de luz natural ao tempo que se incrementa notablemente o confort térmico no interior da instalación. Estas actuacións permitirán reducir as perdas enerxéticas, mellorar as condicións ambientais do espazo e diminuír o consumo enerxético da piscina.
En canto ao vaso da piscina, o proxecto contempla a súa ampliación mediante a execución dunha nova losa de cimentación e muros perimetrais de formigón armado, o que permitirá dispoñer dun vaso de maiores dimensións, máis axeitado tanto para o uso recreativo como para o adestramento deportivo. O novo vaso contará con revestimentos antiescorregadizos, sinalización axeitada das profundidades e materiais de alta calidade que garantan a súa durabilidade e estanqueidade.
Ademais, a intervención inclúe a renovación completa das instalacións, coa implantación dun novo sistema de climatización e ventilación e a modernización do sistema de depuración da auga, co obxectivo de incrementar a eficiencia, reducir o consumo e mellorar a experiencia de uso das persoas usuarias.
Tras a sinatura do convenio, Valentín González Formoso destacou que "este convenio é un paso máis da Deputación na mellora das infraestruturas deportivas municipais, especialmente en concellos como Cedeira, onde estes equipamentos cumpren unha función social fundamental". Segundo sinalou, "investir na modernización da piscina municipal é investir tamén en saúde, benestar e calidade de vida para a veciñanza".
Pola súa banda, o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, puxo en valor a importancia desta actuación para o municipio. "A piscina municipal presentaba limitacións evidentes, tanto polo seu tamaño como polas condicións de confort. Grazas á colaboración da Deputación, imos poder acometer unha reforma integral que a converterá nunha instalación máis moderna, eficiente e adaptada ás necesidades reais de Cedeira", afirmou.
Moreda subliñou tamén que "esta obra supón un salto cualitativo para o deporte no noso concello, permitindo ampliar usos e ofrecer un espazo máis cómodo e sostible para todas as persoas usuarias".
