Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña apoia a Banda de Música das Pontes e ao Museo Etnográfico Monte Caxado

O presidente, Valentín González Formoso, visitou os ensaios da banda municipal e as instalacións do museo, acompañado polas deputadas Natividad González e Cristina García

A Deputación da Coruña apoia a Banda de Música das Pontes e ao Museo Etnográfico Monte Caxado

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou esta tarde dúas entidades culturais de referencia no municipio que contan co apoio económico da institución provincial: a Banda de Música das Pontes e o Museo Etnográfico Monte Caxado.

A xornada comezou no CEIP A Magdalena, onde Formoso, acompañado pola deputada de Cultura, Natividad González, e pola deputada Cristina García, asistiu a un dos ensaios da Banda de Música das Pontes, destacando o seu papel fundamental na formación musical e na dinamización cultural da vila.

A Deputación destina este ano un total de 13.629 euros ao apoio desta entidade, dos que 10.500 euros son para actividades e 3.129 euros para investimentos. A banda, impulsada pola Asociación Cultural e Recreativa Amigos da Música, desenvolve un amplo programa que inclúe escola de música, banda cultural e banda xuvenil, cunha importante actividade formativa ao longo de todo o ano. Na actualidade, conta con arredor de 166 alumnos e alumnas en diferentes especialidades.

Formoso lembrou tamén que a institución provincial achega outros 25.000 euros anuais para apoiar o funcionamento do Conservatorio Municipal de Música das Pontes, no que se forman máis de 115 alumnos e alumnas, no marco dun programa global de preto de medio millón de euros destinado a soster escolas e conservatorios de música municipais en toda a provincia.

Durante a visita, Formoso puxo en valor "o traballo constante que realiza a banda para achegar a música á veciñanza das Pontes e de toda a comarca e formar novas xeracións de músicos, garantindo a continuidade dunha tradición cultural moi arraigada" no municipio.

Museo Etnográfico Monte Caxado

Posteriormente, a comitiva desprazouse ao Museo Etnográfico Monte Caxado, onde coñeceron o gran labor de conservación e divulgación do patrimonio material e inmaterial da comarca que desenvolve a entidade da man do presidente do padroado, José María López Ferro.

A Deputación da Coruña colaborou o ano pasado co museo cunha achega extraordinaria de 15.538 euros para o desenvolvemento das actividades organizadas con motivo do seu 40 aniversario, centradas na recuperación da memoria colectiva e na posta en valor da historia recente das Pontes.

Ademais deste convenio, o museo conta co apoio continuado da institución provincial ao longo dos últimos anos, tamén neste 2026 cunha achega de 10.500 euros a través das liñas de subvencións para o desenvolvemento da súa programación cultural, que inclúe iniciativas como publicacións etnográficas, dixitalización de fondos documentais, catalogación de pezas ou exposicións de fotografía histórica.

Formoso destacou que "o Museo Etnográfico Monte Caxado é un proxecto cultural de referencia", subliñando que "apoiar iniciativas como este museo é tamén apostar por conservar a nosa historia e a nosa identidade e transmitila ás futuras xeracións".

O museo, creado en 1985 por iniciativa do mestre José María López Ferro, conta na actualidade cun fondo que supera os 5.000 obxectos, 4.000 fotografías e 4.000 documentos, configurándose como un dos principais arquivos da memoria local da comarca do Eume.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X