A Deputación destaca en Boiro o potencial do sector vitivinícola como oportunidade para emprender e xerar actividade no rural
A deputada de Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, participou nos Encontros no Viveiro – Experiencias BoViño, celebrados no LAB Barbanza, un dos espazos da Rede Provincial de Coworking
A Deputación da Coruña destacou hoxe en Boiro o potencial do sector vitivinícola como motor de emprendemento, innovación e dinamización económica no rural. Fíxoo no marco dos Encontros no Viveiro – Experiencias BoViño, unha xornada celebrada no LAB Barbanza que reuniu a profesionais do viño, da hostalaría e do turismo para compartir experiencias, crear novas conexións e abrir oportunidades de colaboración arredor dun sector con forte arraigo no territorio.
A deputada de Industria, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, participaron neste encontro, promovido por ambas institucións. Ambos destacaron a importancia de apoiar iniciativas que conectan produto, territorio, cultura empresarial e talento local.
"O sector vitivinícola é un bo exemplo de como a tradición pode transformarse en oportunidade cando se combina con innovación, profesionalización e capacidade emprendedora. O viño xera actividade económica, impulsa a hostalaría, reforza o turismo e contribúe a crear identidade arredor dun territorio", afirmou Rosa Ana García.
A deputada subliñou que a provincia conta con proxectos vinculados ao rural que precisan apoio, acompañamento e espazos nos que compartir coñecemento. Nese sentido, sinalou o papel do LAB Barbanza como un exemplo do modelo que a Deputación promove a través da Rede Provincial de Coworking.
"O LAB Barbanza demostra que o emprendemento non ten que concentrarse só nos grandes núcleos urbanos. Desde espazos coma este acompañamos proxectos, axudamos a crear sinerxías e oportunidades para que novas iniciativas empresariais poidan consolidarse e medrar", apuntou.
Os Encontros no Viveiro – Experiencias BoViño nacen coa vontade de poñer en valor o patrimonio vitivinícola da zona, dar visibilidade aos viños producidos na comarca e favorecer a relación entre adegas, profesionais da restauración, proxectos turísticos e persoas emprendedoras.
A Deputación da Coruña enmarca esta colaboración na súa estratexia de apoio ao emprendemento, á creación de emprego e á dinamización económica local, que desenvolve a través do Plan de Emprego Local e da Rede Provincial de Coworking.
Esta rede, da que forma parte o LAB Barbanza desde o ano 2018, consolidouse como unha das principais ferramentas provinciais para acompañar proxectos empresariais, especialmente nos concellos de menor tamaño e nas comarcas rurais.
Actualmente, a Rede Provincial de Coworking está formada por 12 espazos especializados distribuídos por toda a provincia. Neles ofrécese asesoramento, formación, infraestruturas, acompañamento técnico e apoio á creación de sinerxías entre persoas emprendedoras, empresas e administracións locais.
