Estás en:Emprego

Regueira salienta a importancia de cumprir as medidas de seguridade ante a eclipse do 12 de agosto na presentación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas como Destino Starlight

O vicepresidente participou esta mañá no acto de presentación dun programa de experiencias en torno á eclipse

Regueira salienta a importancia de cumprir as medidas de seguridade ante a eclipse do 12 de agosto na presentación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas como Destino Starlight

Mirar o ceo para poñer en valor o territorio. Baixo ese prisma, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas presentou hoxe, nun acto desenvolto no pazo de Illobre en Betanzos, a súa proposta vivencial de astroturismo que se desenvolverá este verán coa eclipse solar como catalizadora.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou no acto, xunto co presidente da entidade, José Antonio Santiso, coa directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e co xestor, Diego López,

A oferta da Reserva baséase no seu potencial como Destino Starlight, certificación acadada en 2023 que asegura un cepo nocturno de referencia. O acto central do día da eclipse, o 12 de agosto, será en Miño, no parque das Idades. Será unha experiencia que combinará unha variada oferta de actividades, unha visibilidade cara ao oeste total, medidas de seguridade e mobilidade, e divulgación científica. Haberá pantallas xigantes para seguir todas as fases da eclipse sen riscos, telescopios solares, puntos de observación supervisados, explicacións técnicas por monitores starlight en cada momento clave, incluíndo a entrega de lentes homologadas. Realizaranse durante a tarde obradoiros infantís, haberá animación e oferta gastronómica con produtos da Reserva de Biosfera.

"Estamos ás portas dunha eclipse total de Sol e temos que ser profesionais e intelixentes para aproveitalo", sinalou Regueira, que incidiu tamén na necesidade de que esta cita sexa lembrada como unha experiencia positiva. "Na Deputación preocúpanos que a eclipse sexa algo que recordemos con alegría. Por iso insistimos na seguridade, na concienciación e en observala con todas as garantías para poder desfrutala e contalo con satisfacción no futuro", afirmou. Entre as recomendacións básicas, apelou ao uso de gafas homologadas para a observación da eclipse, á hidratación, á protección solar e ao cumprimento das indicacións que se difundan para garantir unha xornada segura.

Regueira mostrou o seu desexo de que a eclipse se converta "nunha xornada inesquecible" e aproveitou para agradecer o labor que están a desenvolver as técnicas e técnicos de turismo dos concellos, "que están asumindo moito traballo arredor deste tema". Finalmente, trasladou o seu recoñecemento á Reserva da Biosfera por "ser punta de lanza das boas prácticas en turismo da provincia" e polo seu papel na promoción dun modelo turístico sostible e de calidade.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X