Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña remata as obras da nova estación náutica do lago das Pontes

Valentín González Formoso e Xosé Regueira supervisaron o resultado dunha actuación que supuxo un investimento de máis de 340.000 euros, financiada con fondos europeos

Construíuse unha explanada de máis de 3.800 metros cadrados, gradas e unha rampla de acceso á auga, unha zona de desinfección de embarcacións e novas redes de servizos

A Deputación da Coruña remata as obras da nova estación náutica do lago das Pontes

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, o vicepresidente provincial e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, e a concelleira de Turismo, Deportes e Promoción Económica, Elena López, supervisaron o remate das obras de acondicionamento do terreo e acceso á auga para a nova estación náutica do lago das Pontes.

A actuación supuxo un investimento de 340.536,35 euros e foi financiada con fondos europeos Next Generation, no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Fragas do Eume, integrado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

As obras permitiron crear unha explanada de máis de 3.800 metros cadrados destinada á práctica de actividades náuticas e deportivas. O novo espazo conta cunha zona de gradas, escaleiras e plataformas que facilitan o acceso á auga de embarcacións de remo, como caiacs, e cunha rampla de ata 14 metros de ancho para embarcacións de vela lixeira e lanchas pneumáticas de apoio.

Valentín González Formoso destacou que esta actuación "dá un novo paso na transformación do lago das Pontes nun espazo de referencia para o deporte, o lecer e o turismo de natureza".

"Este lago artificial, o máis grande de Europa, é un dos grandes activos ambientais e turísticos das Pontes e esta nova infraestrutura permitiranos aproveitar todo o seu potencial. Se ben xa é un lugar consolidado de práctica deportiva, requiría dun acceso cómodo e seguro para todas as persoas que veñen practicar deporte", afirmou.

Engadiu Formoso que "o que conseguimos con este investimento de fondos europeos é, por unha banda, unha infraestrutura que albergue todas as embarcacións —agora espalladas en distintas instalacións provisionais— e, pola outra, preparar o terreo para o futuro espazo cuberto que solucione os problemas de almacenamento dos clubs". "Hoxe é un día importante porque ampliamos o catálogo de servizos públicos cos que conta o lago", rematou o presidente provincial.

Pola súa banda, Xosé Regueira sinalou que a estación náutica "incorpora unha nova experiencia turística á oferta da comarca e contribúe a consolidar un destino diferenciado, ligado á paisaxe, á sustentabilidade e ás actividades ao aire libre".

O vicepresidente provincial fixo fincapé en que "este espazo está chamado a ser un fito dentro do turismo da provincia". Falou sobre as diferentes actuacións que o departamento de Turismo da Deputación está a acometer, como a das Fragas do Eume, a do Xeoparque Cabo Ortegal, da candidatura da cidade de Ferrol a Patrimonio Mundial ou da recuperación do patrimonio militar da Costa Ártabra.

Deste xeito, Regueira situou ao lago das Pontes como referente "do turismo de augas interiores, que ofrece unha importante oferta deportiva, pero tamén de ocio. É fundamental para xestionar fluxos turísticos e evitar masificacións noutros puntos da provincia".

Zona de desinfección de embarcacións e novas redes de servizos

O proxecto inclúe unha zona de 50 metros cadrados para a limpeza e desinfección obrigatoria das embarcacións antes da súa entrada no lago. Este espazo dispón de abastecemento de auga e dun sistema específico de recollida e bombeo que conduce as augas empregadas ata a rede de saneamento, evitando calquera vertido ao lago.

O sistema conta con dúas bombas, control e monitorización a distancia e un depósito de emerxencia de 5.000 litros, deseñado para almacenar as augas en caso de avaría e garantir a protección do medio natural.

A actuación completouse coa instalación das redes de abastecemento, saneamento, drenaxe e electricidade, así como con novos proxectores LED para iluminar a área. Tamén se executaron muros de escollera para a contención do terreo, varandas de seguridade, cunetas para a evacuación das augas pluviais e a sinalización no acceso.

A obra incorporou materiais procedentes de reciclaxe na base da explanada e incluíu a revexetación dos noiros.

O proxecto forma parte do PSTD Fragas do Eume, que mobiliza un investimento global de tres millóns de euros para impulsar actuacións sostibles nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X