Estás en:Emprego Novas

Últimos días para a presentación de candidaturas á III edición dos Premios PEL ás mellores iniciativas empresariais

O prazo remata este xoves, 28 de febreiro, ás 14 horas

A terceira edición do galardón repartirá 75.000 euros en premios

Ademáis dos premios ás empresas, este ano créanse novas categorías para concellos e asociacións empresariais que fomenten o emprego e o emprendemento

Últimos días para a presentación de candidaturas á III edición dos Premios PEL ás mellores iniciativas empresariais

A Deputación da Coruña pechará este xoves, 28 de febreiro, o prazo de presentación de candidaturas ao III Premio PEL ás mellores iniciativas empresariais da provincia. Os interesados en participar nesta terceira edición poderán formalizar a súa candidatura só de xeito telemático, a través da plataforma Subtel, ata ese día ás 14 horas.

Este galardón constitúe unha das citas anuais clave do sector empresarial da provincia. O seu obxectivo é recoñecer as iniciativas e o traballo realizado polas empresas, asociacións empresariais e concellos, realzando o seu papel fundamental como xeradores de riqueza e emprego, contribuíndo á súa sustentabilidade e fomentando a cultura emprendedora na provincia.

Así mesmo, o presente premio tamén pretende aportar un valor engadido ás empresas mediante a súa concesión, facilitándolles soporte e respaldo para transformar ideas actuais en emprego de calidade e contribuíndo a dinamizar novos proxectos.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a "consolidación" do galardón, que pasou das 70 empresas participantes na primeira edición a 78 o ano pasado, converténdoo nun dos premios con maior participación da provincia.

Novos premios para concellos e asociacións empresariais

Como novidade principal nesta edición amplíanse de dúas a cinco as categorías do galardón, dando cabida aos concellos de menos de 20.000 habitantes e ás asociacións empresariais da provincia da Coruña.

Deste xeito, ás cinco categorías que configuran esta nova edición son:

1ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa empresarial nova

2ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada

3ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa empresarial xeradora de emprego

4ª CATEGORÍA: Premio ao concello promotor do emprego de calidade

5ª CATEGORÍA: Premio á mellor asociación empresarial

Cada unha das categorías sinaladas contará cun premio de 15.000 euros, polo que o importe total destinado pola Deputación a esta nova edición dos premios suma 75.000 euros.

Categorías permanentes:

Categorías de Mellor iniciativa empresarial nova e Mellor iniciativa empresarial consolidada

Á primeira categoría poderán presentarse pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as cuxa data de constitución (inscrición no rexistro público correspondente) e data de alta censual teñan una antigüidade máxima dun ano, mentres que na segunda categoría esixirase unha antigüidade mínima de 5 anos.

En ambas categorías os criterios a valorar serán a orixinalidade do proxecto empresarial, a súa capacidade de expansión, así como o seu carácter innovador e a creación de emprego no territorio, entre outros.

Novas categorías en 2019:

Mellor iniciativa empresarial xeradora de emprego

Categoría destinada a pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que contribúan á creación de emprego e, consecuentemente, ao desenvolvemento socioeconómico e a fixación da poboación.

Nesta categoría valoraranse aspectos como o incremento no número de empregados/as , o incremento no número de empregados/as con contrato indefinido, as medidas sociolaborais de RSE implantadas pola empresa, entre outros.

Concello promotor do emprego de calidade

Na cuarta categoría poderán presentarse concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que impulsen a iniciativa empresarial e o emprendemento, promovan a xeración de emprego de calidade e contribúan á fixación da poboación.

Nesta categoría valoraranse aspectos como a xeración de emprego, a inclusión de colectivos en risco de exclusión social, o fomento do traballo colaborativo e a poboación do municipio, entre outros.

Mellor asociación empresarial

Categoría dirixida a asociacións, agrupacións, federacións e confederacións de empresarios/as da provincia da Coruña.

Nesta categoría valoraranse aspectos como os servizos ofertados pola asociación, as actividades e proxectos postos en marcha pola mesma, os logros acadados, entre outros.

A participación só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma Subtel. Todos os anexos requiridos para a presentación das candidaturas poderán ser descargados desde a propia páxina web do Plan de Emprego Local (http://emprego.dacoruna.gal) e desde a plataforma Subtel da Deputación.

https://emprego.dacoruna.gal/lineas/lina-2-pel-emprende/premio-provincial-mellor-iniciativa-empresarial/

Páxinas suxeridas