Estás en:Emprego Novas

González Formoso recibe na Deputación os alumnos do Programa de Emprendemento na Escola (PROEM), que da os primeiros froitos en centros escolares da Coruña, Betanzos, As Pontes e Cerceda

O presidente da Deputación destaca a importancia do programa, creado no marco no PEL, para "potenciar a cultura emprendedora entre as novas xeracións de coruñeses"

Alumnos dos IES Sardiñeira da Coruña, As Mariñas de Betanzos, Moncho Valcarce das Pontes e do CPI O Cruce de Cerceda presentan na Deputación os proxectos empresariais que desenvolveron nas aulas co apoio de distintas entidades asociación de empresarios

Empresas de produtos alimenticios saudables, de organización de eventos lúdicos e deportivos, de deseño e impresión 3D e de fabricación de xabróns foron as primeiras iniciativas empresarais do alumnado

González Formoso recibe na Deputación os alumnos do Programa de Emprendemento na Escola (PROEM), que da os primeiros froitos en centros escolares da Coruña, Betanzos, As Pontes e Cerceda

O programa PROEM de Emprendemento na Escola promovido pola Deputación da Coruña ao abeiro do PEL (Plan de Emprego Local) deu este ano os seus primeiros froitos en centros escolares da Coruña, Betanzos, As Pontes e Cerceda.

Alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO dos IES A Sardiñeira da Coruña (coa colaboración da Asociación de Empresarios de Agrela), IES As Mariñas de Betanzos (coa colaboración dos empresarios de Bergondo), IES Moncho Valcarce das Pontes (coa colaboración da Asociación empresarial SEARA) e o CPI O Cruce de Cerceda (coa colaboración da Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón) presentaron esta mañá ao presidente en funcións da Deputación, Valentín González Formoso, no salón de plenos da institución provincial, os proxectos empresariais que desenvolveron durante este curso dentro do programa PROEM, impulsado pola Deputación da Coruña para promover a aprendizaxe do emprendemento.

González Formoso seguiu con interese a explicación das iniciativas emprendedoras postas en marcha polos rapaces destes centros escolares coruñeses e destacou "o talento e as ideas frescas" dos mozos e mozas, "unha nova xeración que seguirá avanzando no espírito emprendedor que caracteriza á provincia da Coruña".

O presidente da Deputación destacou a importancia dun programa destinado a "potenciar a cultura emprendedora entre os máis novos" e agradeceu a implicación tanto das entidades empresariais que supervisan os proxectos e forman aos mozos e mozas coma dos profesores dos centros escolares, que contribuiron ao éxito do mesmo.

O proxecto PROEM de emprendemento na escola naceu nas Pontes, cunha colaboración entre o IES Moncho Valcarce e a Asociación de Empresarios SEARA, e estendeuse o ano pasado a outros centros escolares da provincia grazas ao apoio do PEL, o programa estratéxico da Deputación para a promoción do emprego e o emprendemento na provincia. Tras o éxito acadado cos primeiros proxectos, o goberno provincial plantexa a extensión do mesmo a outros centros escolares da provincia.

Proxectos

O alumnado presentou os diferentes proxectos empresariais desenvolvidos durante este ano nos seus centros escolares.

No caso do IES a Sardiñeira, presentaron a Sociedade Cooperativa EDLAS, dedicada á organización de ventos lúdicos e deportivos e orientada aos centros educativos.

Os alumnos do IES betanceiro As Mariñas crearon "A Casa do Xabrón", unha empresa innovadora dedicada á fabricación e venda de xabróns, mentres que os do IES pontés Moncho Valcarce crearon a cooperativa "Coidémonos+", dedicada ao fomento de hábitos de vida saudables. A empresa produce batidos, zumes, brochetas e ensaladas de froita que venden no recreo aos seus compañeiros. A iniciativa gañou un accesito nos premios á mellor iniciativa cooperativizada do Certame de Cooperativismo no Ensino da Xunta no ano 2019.

Pola súa banda, os alumnos do CPI O Cruce de Cerceda, que hoxe non poideron estar presentes no acto, desenvolveron o proxecto Cross Designs, que toma o seu nome da denominación do propio centro en inglés, consistente na creación dunha cooperativa empresarial dedicada á personalización de produtos mediante impresión 3D e impresión sobre textil. O proxecto mereceu tamén un dos accésits do certame "Cooperativismo no ensino" en 2018.

Páxinas suxeridas