Estás en:Emprego Novas

Cabanas recupera a súa Escola Laica co apoio da Deputación para convertela “nun gran espazo cultural”

Valentín González Formoso visitou hoxe o municipio acompañado do alcalde, Carlos Ladra, e a deputada Ana Lamas

A través do Plan Único, a Deputación investiu 190.000 euros en varias obras para rehabilitar o inmoble e dotalo dun novo salón de actos

O alcalde Carlos Ladra anuncia que destinará parte dos fondos do POS+2020 para ampliar o aparcadoiro e pide a colaboración da Deputación para dotalo de mobiliario

Cabanas recupera a súa Escola Laica co apoio da Deputación para convertela “nun gran espazo cultural”

O Concello de Cabanas continúa co seu proxecto de rehabilitación da Escola Laica do municipio para convertela nun gran espazo cultural. Unha ambiciosa iniciativa para a que seguirá contando co apoio técnico e económico da Deputación da Coruña.

Así o anunciaron esta mañá o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, que xunto coa deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e outros edís do goberno municipal visitaron esta mañá este antigo edificio indiano, no que a Deputación investiu nos últimos anos 190.000 euros en diversas fases de obras de reforma que incluíron a completa renovación da cuberta, a eliminación das filtracións de auga da fachada, o adecentamento exterior do inmoble e a construción dun amplo salón de actos no seu interior.

"Trátase dun edificio catalogado, un equipamento público que forma parte do patrimonio histórico de Cabanas e que, co seu uso futuro como Casa da Cultura, volverá a ser dedicado aos fins culturais para o que foi creado", afirmou o presidente da Deputación que expresou a súa satisfacción de que os fondos que a institución provincial achega aos concellos a través do Plan Único contribúan a desenvolver proxectos coma este.

Formoso lembrou que a Deputación investiu en Cabanas algo máis de 2,7 millóns de euros nos últimos catro anos, dos que 1,8 proceden dos investimentos do Plan Único (POS+) que axudan a mellorar as infraestruturas e os servizos públicos do municipio.

O alcalde, Carlos Ladra Brage, anunciou que o goberno municipal seguirá apostando pola recuperación da Escola Laica, destinando parte dos fondos do POS+2020 a ampliar o espazo de aparcamento do recinto, que  queda pequeno para o uso futuro que pretenden darlle a esta infraestrutura.

"Ademais, necesitamos habilitalo por dentro con butacas para o salón de actos, estantes para usar parte das instalacións coma biblioteca...para o que solicitamos o apoio e a colaboración da Deputación", afirmou o rexedor cabanés, que sostivo que os seus plans son poder comezar a darlle uso a parte do inmoble a finais deste ano ou principios de 2021.

Visita á empresa Do Acibreiro

Durante a mañá de hoxe, o presidente provincial e o alcalde de Cabanas visitaron tamén no polígono de Vilar do Colo as instalacións da empresa local de carpintería e ebanistería "Do Acibreiro".

Acompañados do dono e xerente da empresa, José Luis Naveiras Fraga, percorreron as instalacións da nave e coñeceron de primeira man a actividade da mesma e os diferentes produtos de madeira que traballan.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X