Estás en:Emprego Novas

González Formoso anuncia que a Deputación e Ferrol impulsarán un proxecto de recuperación das baterías militares da costa

Esperan contar coa colaboración técnica de Exponav, a Autoridade Portuaria e o departamento de Infraestruturas do Ministerio de Defensa para desenvolver un proxecto piloto na batería do Cabo Prior

O obxectivo é recuperar unhas baterías que forman parte do patrimonio e da historia de Ferrol para "convertelas en motivo de orgullo" e utilizalas "como elemento de dinamización turística"

O presidente da Deputación aproveitou a súa participación en "Conversas no Parador", organizado polo Club de Prensa de Ferrol, para anunciar as liñas da institución en materia de emprego, demografía e servizos públicos

González Formoso anuncia que a Deputación e Ferrol impulsarán un proxecto de recuperación das baterías militares da costa

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou esta mañá o proxecto do ente provincial para recuperar as baterías de costa de Ferrol. A iniciativa tratouse no encontro "Conversas no Parador", organizado polo Club de Prensa de Ferrol e ao que foi convidado Formoso. No evento falouse doutros retos aos que a Deputación fará fronte nos vindeiros anos coma a creación de emprego, o reto demográfico e a mellora dos servizos públicos nos concellos coruñeses.

González Formoso anunciou que, xunto con Concello de Ferrol, a Deputación pretende impulsar un proxecto de recuperación das antigas baterías militares da costa ferrolá co obxectivo de "axudar a divulgar a historia e o patrimonio de Ferrol", convertendo a estes antigos emprazamentos militares "nun motivo de orgullo para a cidadanía, de respecto á nosa historia en un importante elemento de dinamización turística" para a cidade e a comarca. "Ferrol necesita ese tipo de proxectos ilusionantes. Son deberes que nos pon o alcalde e que queremos cumprir", afirmou o presidente.

"As baterías de costa xa non existen coma tales, pero alí permanece a súa historia, rodeada da riqueza paisaxística inigualable da contorna", explicou Formoso. "Para levar a cabo esta acción contamos tamén co apoio de Exponav, que será responsable da parte técnica, así como coa axuda do departamento de infraestruturas do Ministerio de Defensa", que xa amosou a boa disposición para ceder as baterías para a súa recuperación.

Segundo explicou o presidente, a mellor candidata para desenvolver un proxecto piloto é á batería de Cabo Prior, que xa conta con servizos básicos da Autoridade Portuaria coma subministración eléctrica que facilitarían o desenvolvemento dos traballos. Nunha primeira fase realizaranse traballos de limpeza, adecentamento e sinalización da zona, para que a xente que o visite coñeza a historia do emprazamento .

Como traballo previo, a Deputación vén de editar a publicación "Guía das baterías de costa", que contou coa colaboración de expertos en historia militar e que será presentada proximamente na cidade naval.

Os retos da Deputación: demografía, emprego e servizos públicos

No encontro celebrado esta mañá, Formoso tamén explicou os retos aos que fará fronte a Deputación neste 2020 e a situación orzamentaria na que se atopa. "En 2019 batemos a marca de investimento co Plan Único. Nunca antes se fixera un plan cun de orzamento de 100 millóns de euros destinado integramente aos concellos. Este ano esperamos poder acadar de novo esas cifras ", recalcou. Na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal o Plan Único, creado en 2017, supuxo un impacto económico de 64,2 millóns de euros que permitiron a execución de 446 obras de mellora de infraestruturas.

Entre as apostas da Deputación figura a dinamización económica e o impulso do emprego a través do Plan de Emprego Local (PEL), que conseguiu apoiar máis de 1.800 iniciativas emprendedoras e crear 2.600 postos de traballo na provincia. Segundo os datos ofrecidos polo presidente esta mañá, na comarca de Ferrol o PEL supuxo un investimento superior aos 5 millóns de euros, favorecendo a creación de 525 empregos e apoiando a 314 emprendores/as na posta en marcha das súas ideas de negocio.

Tamén fixo fincapé na importancia do investimento da Deputación en servizos públicos como no Consorcio Provincial Contraincendios (financiado ao 50% por Xunta e Deputación) que mantén o servizo dos parques comarcais de bombeiros da provincia. Formoso destacou a importancia reto demográfico, do que penduran todos os demais, propoñendo unha iniciativa innovadora: a creación dunha "cláusula demográfica" nas licitacións institución provincial, similar ás cláusulas sociais xa existentes nos contratos da Deputación "para que algúns dos nosos servizos poidan prestarse desde o rural, potenciando deste xeito o emprego e economía da zona e contribuíndo a fixar a poboación".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X