Estás en:Emprego Novas

González Formoso anuncia que a Deputación mobilizará 3 millóns de euros para colaborar nos plans de axudas a autónomos da Coruña, Santiago e Ferrol

A Deputación e o Concello de Ferrol coordinan unha nova liña de axudas dotada de 2 millóns de euros, dirixida fundamentalmente ao sector da hostalaría, o comercio e as actividades culturais

Este novo investimento súmase aos 12,5 millóns de euros que o PEL-Reactiva inxecta xa nos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes

González Formoso anuncia que a Deputación mobilizará 3 millóns de euros para colaborar nos plans de axudas a autónomos da Coruña, Santiago e Ferrol

A Deputación da Coruña e o Concello de Ferrol están a coordinar unha nova liña de axudas a autónomos que contará cun orzamento de arredor de 2 millóns de euros e que se dirixirá, principalmente, ao sector da hostalaría e o comercio local. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, anunciouno esta mesma mañá despois dunha reunión de traballo que mantivo no Concello de Ferrol co alcalde da localidade, Ángel Mato.

Esta colaboración enmárcase dentro dun plan dirixido ás grandes cidades da provincia para o que o organismo provincial "mobilizará unha partida de 3 millóns de euros co obxectivo de dar cobertura e suplementar os programas municipais de apoio a autónomos e microempresas da Coruña, Ferrol e Santiago", anunciou o presidente da Deputación .

Esta nova liña de 3 millóns de euros sumarase aos 12,5 millóns do PEL-REACTIVA que a Deputación, en colaboración cos concellos coruñeses, ten en marcha para apoiar aos pequenos negocios locais afectados pola Covid-19. Estes días, 88 municipios de menos de 50.000 habitantes están a canalizar todas as solicitudes do seu tecido empresarial para distribuír estes fondos, con axudas que oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros.

"Só temos competencia en concellos de menos de 50.000 habitantes pero a lei nos permite realizar actuacións excepcionais en materia de apoio a cidades e creo que o contexto sanitario actual xustifica esa colaboración que se vai  materializar coa Coruña, con Santiago e con Ferrol", explicou González Formoso.

No caso de Ferrol, o Concello pretende lanzar nas próximas datas unha nova liña de axudas similar ao PAME dirixida fundamentalmente ao sector da hostalaría, do comercio e das actividades culturais para os que destinará ao redor de 1,2 millóns de euros do seu remanente de tesourería e, coa colaboración da Deputación, preténdese alcanzar os 2 millóns de euros de orzamento.

"O primeiro alcalde en chamar para solicitar esa axuda foi Ángel Mato e agardamos que a cantidade que reciba se achegue ao 40 ou 50% do orzamento do plan que pretenden poñer en marcha", destacou o presidente provincial, que tamén aclarou que " aínda non se concretou se se sacará como unha liña específica de axudas ou como convenio. Nós queremos empregar a vía máis rápida, que é o convenio para que as axudas cheguen canto antes, pero aínda non está definido".

Pola súa parte, Ángel Mato "agradeceu a rápida resposta do presidente da Deputación despois do chamamento que fixemos á administración provincial e autonómica para poder deseñar unha nova liña de axudas e responder ás urxencias que estamos a ter debido ao avance da situación epidemiolóxica".

"Aproveito para lembrarlle á Xunta de Galicia que as axudas teñen que chegar cando son precisas e é imprescindible que o fagan con celeridade. Hai que concretalas, que quede claro para quen van ser e que se poñan en marcha o máis axiña posible. Non podemos deixar a estes sectores que afronten sós esta pandemia", agregou o rexedor ferrolán.

Necesidade de coordinar as axudas

Na mesma liña expresouse González Formoso, que incidiu en que "a capacidade de resposta que teñamos entre todas as administracións vai a ter moito que ver coa supervivencia, ou non, de moitos negocios que se ven abocados ao peche" e desexou que "as axudas sexan coordinadas porque sería triste que un posible beneficiario dunha subvención vexa que para un mesmo fin ten tres liñas distintas, de tres administracións distintas, e só poida pedir unha".

"Gustaríame destacar que o Concello utilizará o remanente para dotar de crédito pola súa parte a esta liña grazas a que o Goberno do Estado ampliou as posibilidades de uso dos remanentes municipais. Isto é algo moi importante e que unha vez resolto está a pasar desapercibido despois da polémica que suscitou hai uns meses. Hai que darse conta de que só no ámbito dos concellos da provincia estamos a falar de preto de mobilizar preto de 400 millóns de euros, co cal ten que notarse na economía", rematou Formoso.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X