Estás en:Emprego Novas

Sesenta e cinco autónomos e microempresas de Malpica recibirán axudas do PEL-Reactiva por importe de 116.000 euros

As contías oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros por empresa

Estas subvencións enmárcanse dentro do programa PEL-Reactiva, da Deputación da Coruña, que pretende impulsar a recuperación e o emprego nos municipios con menos de 50.000 habitantes

Sesenta e cinco autónomos e microempresas de Malpica recibirán axudas do PEL-Reactiva por importe de 116.000 euros

O Concello de Malpica emitiu a resolución definitiva das axudas, por un valor total de 116.000 euros, que recibirán 65 autónomos e pequenas empresas do municipio. Estas subvencións encádranse dentro do programa PEL-Reactiva da Deputación da Coruña, que pretende impulsar a recuperación e o emprego nos municipios con menos de 50.000 habitantes.

Deste xeito, as persoas e entidades beneficiarias recibirán contías que oscilan entre os 1.500, 2.000, 2.500 e 3.000 euros. O obxectivo básico desta medida é sufragar os seus gastos máis inmediatos ante as restricións e consecuencias da pandemia que en moitos casos obrigaron ao cese da súa actividade.

As empresas e autónomos e autónomas ás que se lle concederon as axudas terán de prazo ata o 31 de marzo do 2021 para xustificar os gastos que se han financiar. Entre estes está a compra de material antiséptico ou desinfectante; os arrendamentos de maquinaria, vehículos, locais ou instalacións; a adaptación de locais ás medidas de protección fronte á covid-19; seguros de responsabilidade civil ou de accidentes e subministración de auga, gas, combustibles e electricidade.

Desde o goberno local destacaron a importancia deste tipo de axudas para promover a reactivación do tecido empresarial de Malpica logo do enorme esforzo que supuxo para moitos negocios ter que suspender a súa actividade por mor da situación sanitaria.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X