|
Páxinas
Novas

II PREMIO PROVINCIAL Á MELLOR INICIATIVA EMPRESARIAL 

A II edición do Premio provincial á mellor iniciativa empresarial (PEL-EPR) enmárcase dentro do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña (2016-2019), una estratexia integrada de cooperación para o desenvolvento sustentable da provincia que ten como principal obxectivo fixar poboación nos concellos e contribuír a un crecemento sustentable dos mesmos, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local e facilitando a empregabilidade das persoas en situación de desemprego, especialmente no ámbito rural.

O Premio convocase co obxectivo de recoñecer e valorizar as iniciativas e o traballo realizado polas empresas e fomentar unha imaxe positiva do tecido empresarial como fonte de riqueza e emprego, contribuír á súa sustentabilidade e fomentar o espírito e a iniciativa empresarial.

Esta segunda edición supón un acontecemento clave no mundo empresarial da provincia. Ao éxito na recepción de candidaturas na primeira edición, un total de 70, súmase a alta confluencia de asistentes ao acto de entrega. Ademais na anualidade 2017 increméntase o seu montante, ascendendo a un total de 75.000€, converténdose deste xeito nun dos premios empresariais mellor dotados economicamente a nivel estatal. Esta contía repartirase entre tres categorías, o que supón un galardón de 25.000 € para cada unha delas. 

En definitiva, a II edición do Premio provincial á mellor iniciativa empresarial pon de manifesto a forte aposta que está a realizar a presente corporación provincial polo emprendemento, pola innovación no emprego e polo fomento das pequenas e medianas empresas, como peza clave no desenvolvemento económico da provincia.

BASES

OBXECTO

A finalidade do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial consiste en premiar as iniciativas e o traballo realizado por empresas da provincia e fomentar unha imaxe positiva do tecido empresarial como fonte de riqueza e emprego, contribuír á súa sustentabilidade e fomentar o espírito e a iniciativa empresarial.

CATEGORÍAS

1) Premio á mellor iniciativa empresarial nova

Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as con menos de 12 meses de antigüidade dende o inicio da actividade. 

Valorarase a orixinalidade do negocio, a formación do seu promotor, o seu grao de innovación e a participación en espazos de coworking e redes de networking, entre outros.

2)Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada 

Para pequenas e medianas  empresas, microempresas e autónomos/as con máis de 5 anos dende o inicio da súa actividade.

Valorarase a orixinalidade do negocio, a formación do seu promotor, o seu grao de innovación, a implantación da RSE e a participación en redes de networking, entre outros.

3) Premio á mellor iniciativa empresarial socialmente responsable 

Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que apliquen medidas de responsabilidade social empresarial eficaces nos ámbitos económico, medioambiental e social que contribúan ao crecemento sostible da provincia.

Valorase a idea de negocio, e as medidas de RSE implantadas nos ámbitos social, económico, ambiental e na conciliación laboral, familiar e persoal e promoción da igualidade de xénero, entre outros.

Con carácter excepcional, o xurado poderá conceder accésits a aquelas iniciativas empresariais que, pola súa especial relevancia, mérito ou circunstancia sexan merecedoras de tal distinción.

REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN

Poden participar neste premio calquera pequena e mediana empresa, microempresa e autónomo ou autónoma con domicilio fiscal e centro de traballo na provincia da Coruña. A participación será gratuíta e só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida de xeito telemático, a través da plataforma Subtel. O prazo de presentación de candidaturas  rematará o 31 de xaneiro de 2018 ás 14.00 horas. A mera presentación das candidaturas en tempo e forma suporá a súa aceptación no proceso de valoración e selección.

PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS

Para a participación na convocatoria en calquera das tres categorías, deberase presentar a seguinte documentación obrigatoria:

- Tarxeta de identificación fiscal definitiva da entidade no caso de entidades con personalidade xurídica ou copia simple do NIF ou NIE no caso de autónomos/as.

- Certificado de situación no censo de actividades económicas da Axencia Estatal da Administración Tributaria. 

- Formulario de inscrición (ANEXO I)

 - Memoria de candidatura: 

  • ANEXO II para as candidaturas á 1ª categoría: mellor iniciativa empresarial xove
  • ANEXO III para as candidaturas á 2ª categoría: mellor iniciativa empresarial madura
  • ANEXO IV para as candidaturas á 3ª categoría: mellor iniciativa empresarial socialmente responsable

ELECCIÓN DAS CANDIDATURAS GAÑADORAS

Unha vez finalizado o prazo para presentar candidaturas procederae a súa valoración por parte do xurado. Este xurado estará constituído por:

  • 2 representantes da Deputación da Coruña: o Presidente da entidade provincial e o Xefe do Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego ou persoas nas que deleguen. Exercerán respectivamente a Presidencia e Secretaría do xurado.
  • 2 representantes das Cámaras de Comercio con ámbito territorial na provincia da Coruña ou no seu defecto, un representante da Cámara de Comercio da Coruña e outro da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
  • 2 representantes do ámbito universitario da provincia da Coruña vinculados aos campos da empresa e da innovación: 1 da Universidade da Coruña e 1 da Universidade de Santiago de Compostela.
  • 2 representantes de asociacións, federacións, confederacións de empresarios/as con presenza na provincia da Coruña.
  • 2 empresarios/as con dilatada experiencia no eido empresarial e de recoñecido prestixio na provincia da Coruña.

Valoraranse as candidaturas presentadas co fin de establecer unha prelación entre as mesmas de acordo cos criterios fixados nas bases reguladoras da convocatoris e adxudicar co límite establecido, aquelas que obtiveran maior valoración na aplicación de ditos criterios.

Os acordos do xurado adoptaranse por maioría simple. No caso de empate entre candidaturas procederase a unha nova votación, na que só se terán en conta as candidaturas que obtiveran a mesma puntuación. Se o empate persistise trala segunda votación, o Presidente do xurado decidirá mediante voto de calidade.

PREMIOS

En 2017 o orzamento do PEL adicado ao Premio ascende a un total de 75.000 euros, o que supón un premio en metálico por un importe bruto de 25.000 euros por categoría. Sobre esta contía realizaranse as retencións correspondentes do ordenamento tributario regulador do IRPF e do Imposto de Sociedades.

CONCESIÓN

A concesión do premio realizarase mediante Resolución da Presidencia a proposta motivada do xurado.

As candidaturas gañadoras daranse a coñecer nun acto de entrega de galardóns organizado pola entidade provincial.

A Resolución de concesión será publicada no taboleiro de anuncios e na páxina web do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.

O prazo de resolución da presente convocatoria e notificación as entidades e persoas interesadas, será o máximo previsto no artigo 25.4 da Lei Xeral de Subvencións, que establece que non poderá exceder de seis meses, salvo que unha norma con rango de lei estableza un prazo maior ou así veña previsto na normativa da Unión Europea.

GARANTÍAS

A participación no II Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial, en calquera das súas categorías, implica a aceptación íntegra e incondicional das bases reguladoras.


As candidaturas presentadas deberán garantir absoluto respecto aos dereitos da propiedade intelectual ou industrial de terceiros. Neste sentido, a/o participante deberá declarar que é titular de todos os dereitos de propiedade intelectual e industrial que lle puideran corresponder, eximindo a organización de calquera tipo de controversia, disputa ou litixio que poida derivarse da selección e explotación da candidatura presentada.

PROTECCIÓN DE DATOS

As candidaturas que presenten datos de carácter persoal con motivo da súa presentación á convocatoria, consenten expresamente a incorporación de ditos datos a un ficheiro propiedade da Deputación da Coruña, así como o seu tratamento e utilización na xestión da convocatoria.

Poderán ademais exercer os dereitos de oposición, acceso á información, rectificación, cancelación dos seus datos e revogación da súa autorización sen efectos retroactivos, nos termos especificados na Lei 15/1999, de Protección de Datos de Carácter Persoal, así como no seu Regulamento de Desenvolvemento, aprobado polo Real Decreto 1720/2007 de 21 de decembro.

As empresas candidatas, ao presentar a súa candidatura á presente convocatoria, consenten a utilización por parte da entidade provincial, da súa imaxe corporativa e nome completo en calquera tipo de publicidade, promoción, publicación ou calquera outro medio de difusión, da natureza que fose, con fins informativos ou publicitarios sempre que exista relación co Premio.

 

OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE

Bases reguladoras publicadas no BOP (nº 234 de 12 de decembro de 2017)

Convocatoria publicada no BOP (nº 234 de 12 de decembro de 2017)

Folleto informativo 

Plataforma de tramitación telemática Subtel 

Referencia da convocatoria en Subtel: PEL-EPR

GAÑADORAS 2016

Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial Madura Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial Xove
logo evasa.png logo-e-monte.png

Encapsulantes de Valor Añadido S.A. ten por obxecto a fabricación e comercialización de materiais especiais, principalmente polímeros e derivados, así como o asesoramento e Investigación neste eido, sendo a actividade principal a fabricación de encapsulante para a industria fotovoltaica e a laminación do vidro para o seu uso en automoción e arquitectura.
EVASA convertiuse nun dos principais provedores mundiais de encapsulantes para o sector fotovoltaico. O 1% destes compoñentes dos paneis solares de todo o mundo fabrícanse na súa planta das Pontes, cunha producción que chega xa a máis de 20 países de todo o planeta.

e-monte é a primeira plataforma dixital que facilita a operativa de compravenda de lotes de madeira entre as persoas propietarias forestais e as empresas rematantes de madeira.
Esta start-up santiaguesa pretende facer fronte ao problema derivado da falta de relevo xeracional na explotación forestal dos montes.
Para conseguilo creou un punto de encontro na rede no que teñen cabida todos os axentes que conforman a cadea de valor do sector forestal.

 

  Plan de Emprego Local
II Premio provincial á mellor iniciativa empresarial

 Teléfono: 981 080 513

   email: pel@dacoruna.gal