Estás en:Emprego Liñas Liña 2 PEL Emprende Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial

Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial

image6.jpeg

A V edición do Premio provincial á mellor iniciativa empresarial (PEL-EPR PREMIO) enmárcase dentro do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña, unha estratexia integrada de cooperación para o desenvolvemento sustentable da provincia que ten como principal obxectivo fixar poboación nos concellos e contribuír ao seu crecemento, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local e facilitando a empregabilidade das persoas en situación de desemprego, especialmente no ámbito rural.


O Premio convocase coa finalidade de recoñecer e valorizar o esforzo e implicación das empresas, das persoas profesionais autónomas, dos clústers e das asociacións empresariais da provincia no desenvolvemento económico, na creación de emprego e riqueza, contribuíndo á súa sustentabilidade e fomentando a cultura emprendedora na provincia.


Así mesmo, o presente premio tamén pretende aportar un valor engadido ás empresas mediante a súa concesión, facilitándolles soporte e respaldo para transformar ideas actuais en emprego de calidade e contribuíndo a dinamizar novos proxectos.


Esta quinta edición supón un acontecemento clave no mundo empresarial da provincia. Ao éxito na recepción de candidaturas nas primeiras edicións, súmase a alta confluencia de asistentes aos actos de entrega de galardóns.


O orzamento total destinado a sufragar o Premio ascende a 75.000 euros. Esta contía repartirase entre as tres categorías, o que supón un galardón de 20.000 euros para cada unha delas e a posibilidade de entrega de accésits aos segundos clasificados, por importe de 5.000 euros.


En definitiva, a V edición dos Premios PEL pon de manifesto a forte aposta que está a realizar a presente corporación provincial polo emprendemento, polo fortalecemento do tecido empresarial, pola innovación no emprego e polo fomento das pequenas e medianas empresas, como peza clave no desenvolvemento económico da provincia e motor da nosa economía.

BASES

OBXECTO

A súa finalidade consiste en premiar as iniciativas e o traballo realizado polas empresas, clústers e asociacións empresariais, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradores de riqueza e emprego, contribuíndo á súa sostibilidade e fomentando a cultura emprendedora na provincia.


Así mesmo, o presente premio tamén pretende aportar un valor engadido ás empresas mediante a súa concesión, facilitándolles soporte e respaldo para transformar ideas actuais en emprego de calidade e contribuíndo a dinamizar novos proxectos.

CATEGORÍAS

1) Premio á mellor iniciativa empresarial nova
Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial ininterrompida nas anualidades 2021 ou 2022 e sempre con anterioridade á publicación da convocatoria no BOP.
Valorarase aspectos como a orixinalidade do proxecto empresarial, a súa capacidade de diferenciación, así como o seu carácter innovador e as medidas de responsabilidade social implantadas, entre outros.


2) Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada
Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que comezasen a súa actividade empresarial ininterrompida durante a anualidade 2017 ou con anterioridade.
Valorarase aspectos como a traxectoria empresarial, a capacidade de resiliencia e adaptación aos cambios, a xeración de emprego e as medidas de responsabilidade social implantadas e o impacto social da empresa, entre outros.


3) Premio á mellor asociación empresarial

Para asociacións, clústers, agrupacións e federacións de empresarios/as da provincia da Coruña.
Valoraranse aspectos como os servizos ofertados pola asociación ou clúster, a súa estratexia, e os logros acadados, entre outros.

REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN

Poden participar neste premio pequenas, medianas empresas, microempresas, autónomos/as, asociacións e clústers empresariais da provincia da Coruña. A participación será gratuíta e só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida de xeito telemático, a través da plataforma Subtel. O prazo de presentación de candidaturas abrirase ao día seguinte da publicación da convocatoria no BOP. A mera presentación das candidaturas en tempo e forma suporá a súa aceptación no proceso de valoración e selección.

PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS

Para a participación na convocatoria en calquera das tres categorías, deberase presentar a seguinte documentación obrigatoria:


Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as
- Anexo de memoria de candidatura (máx. 7 páxinas)
- Certificado de situación censual actualizado expedido pola AEAT
- No caso de autónomos/as, informe de vida laboral actualizado expedido pola TXSS
- No caso de pemes e microempresas, escritura de constitución da entidade o e as súas modificacións ou variacións posteriores no caso de que as houbera, ou calquera outro documento análogo no que figuren os estatutos, estipulacións ou contratos privados, así como a inscrición no rexistro público correspondente

Asociacións e clústers empresariais
- Anexo de memoria de candidatura (máx. 7 páxinas)
- Estatutos e as súas variacións posteriores, no caso de que as houbera

ELECCIÓN DAS CANDIDATURAS GAÑADORAS

Unha vez finalizado o prazo para presentar candidaturas procederase a súa valoración por parte do xurado. Este xurado estará constituído por:

• Dous representantes da Deputación da Coruña: o Presidente da entidade provincial, ou persoa na que delegue, e o Xefe do Servizo de Desenvolvemento territorial e Transición Ecolóxica, por delegación da Secretaría Xeral.
• Dous representantes das Cámaras de Comercio con ámbito territorial na provincia da Coruña.
• Dous representantes do ámbito universitario da provincia da Coruña vinculado aos eidos da empresa e da innovación.
• Un/unha representante de asociacións de empresarios/as con presenza na provincia da Coruña.
• Un/unha representante dunha empresa gañadora dos Premios PEL en edicións anteriores.

O Presidente da Deputación da Coruña ostentará a Presidencia do xurado. En caso de ausencia deste, a presidencia será exercida polo membro de maior idade. Así mesmo, o Xefe do Servizo de Desenvolvemento territorial e Transición Ecolóxica, exercerá a Secretaría do mesmo por delegación.

O xurado reunirase co obxecto de deliberar e poñer en común as puntuacións outorgadas a cada unha das candidaturas presentadas. A media aritmética das puntuacións establecidas por cada membro do xurado constituirá a puntuación final da candidatura.Unha vez valorada a totalidade de candidaturas establecerase unha prelación entre elas. No caso de que varias candidaturas obtiveran a mesma puntuación final e que, ademais, esta fose a puntuación máis elevada da categoría, efectuarase unha votación  entre as candidaturas empatadas na primeira posición e, se persistise o empate, decidirá o voto de calidade do Presidente.

PREMIOS

En 2022 o orzamento do PEL destinado ao Premio ascende a un total de 75.000 euros, o que supón un premio en metálico por un importe bruto de 20.000 euros para os primeiros clasificados de cada categoría. Ademais, se o xurado o considera oportuno poderán outorgarse accésits aos segundos clasificados por importe de 5.000 euros. Sobre estas contías realizaranse as retencións correspondentes do ordenamento tributario regulador do IRPF e do IS.

CONCESIÓN

A concesión do premio realizarase mediante Resolución da Presidencia a proposta motivada do xurado.
As candidaturas gañadoras daranse a coñecer nun acto de entrega de galardóns organizado pola entidade provincial.
A Resolución de concesión será publicada no BOP e na páxina web do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.
O prazo máximo para resolver será de 9 meses a contar desde o día de publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, de acordo co artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

GARANTÍAS

A participación no V Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial, en calquera das súas categorías, implica a aceptación íntegra e incondicional das bases reguladoras.
As candidaturas presentadas deberán garantir absoluto respecto aos dereitos da propiedade intelectual ou industrial de terceiros. Neste sentido, a/o participante deberá declarar que é titular de todos os dereitos de propiedade intelectual e industrial que lle puideran corresponder, eximindo a organización de calquera tipo de controversia, disputa ou litixio que poida derivarse da selección e explotación da candidatura presentada.

PROTECCIÓN DE DATOS

As candidaturas que presenten datos de carácter persoal con motivo da súa presentación á convocatoria, consenten expresamente a incorporación de ditos datos a un ficheiro propiedade da Deputación da Coruña, así como o seu tratamento e utilización na xestión da convocatoria.
Igualmente, os/as candidatos/as consenten a utilización por parte da entidade provincial, da súa imaxe corporativa, nome completo e vídeo de candidatura en calquera tipo de publicidade, promoción, publicación ou calquera outro medio de difusión, da natureza que fose, con fins informativos ou promocionais sempre que exista relación co Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial.
De acordo co disposto na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados serán tratados coa finalidade de poder atender a súa candidatura. Os devanditos datos serán tratados de xeito confidencial, e só poderán ser cedidos, nos casos contemplados na Lei. Comunicámoslle que pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación ao tratamento e portabilidade dos seus datos, perante a Deputación da Coruña en Avenida Porto da Coruña, 2, 15003 A Coruña, ou dirixindo un correo a delegadodeprotecciondedatos@dacoruna.gal

OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE

Bases reguladoras

Convocatoria

Plataforma de tramitación telemática Subtel 

Resolución de concesión

Prazo de presentación: desde o 26 de maio ata as 14.00h. do 28 de xuño de 2022

Referencia da convocatoria en Subtel: PEL-EPR PREMIO 2022

Anexo memoria 1ª categoría: mellor iniciativa empresarial nova

Anexo memoria 2ª categoría: mellor iniciativa empresarial consolidada

Anexo memoria 3ª categoría: mellor asociación empresarial

Logotipos publicidade:

- Cartel entidade gañadora

- Cartel accésit

EDICIÓNS 

Gañadoras da 5ª edición

Diversa
Infonet
Compostela Monumental

Accésits

AcercArte
Equipos Lagos
A Grela

 

  Plan de Emprego Local
Premio provincial á mellor iniciativa empresarial

 Teléfono: 981 080 513

   email: pel@dacoruna.gal

 

 

 Logo_DepPEL_Azul.png ministerio.gif   logo-ue-fondo-social.png

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X