Estás en:Emprego Liñas Liña 2 PEL Emprende Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial

Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial

HEADER_WEB_DIPUTACION_PEL2020_innovacion.jpg

A IV edición do Premio provincial á mellor iniciativa empresarial (PEL-EPR PREMIO) enmárcase dentro do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña, una estratexia integrada de cooperación para o desenvolvento sustentable da provincia que ten como principal obxectivo fixar poboación nos concellos e contribuír a un crecemento sustentable dos mesmos, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local e facilitando a empregabilidade das persoas en situación de desemprego, especialmente no ámbito rural.

O Premio convocase coa finalidade de recoñecer e valorizar o esforzo e implicación das empresas, das asociacións empresariais e dos concellos da provincia no desenvolvemento económico, na creación de emprego e riqueza, así como na súa loita directa ou indirecta contra os efectos negativos derivados da pandemia do coronavirus COVID-19.

Así mesmo, o presente premio tamén pretende aportar un valor engadido ás empresas mediante a súa concesión, facilitándolles soporte e respaldo para transformar ideas actuais en emprego de calidade e contribuíndo a dinamizar novos proxectos.

Esta cuarta edición supón un acontecemento clave no mundo empresarial da provincia. Ao éxito na recepción de candidaturas nas dúas primeiras edicións, máis de 230, súmase a alta confluencia de asistentes ao acto de entrega. Ademais nesta cuarta edición, debido a excepcionalidade da situación que estamos a vivir, crease unha terceira categoría destinada ás iniciativas innovadoras na loita contra a COVID-19. 

O orzamento total destinado a sufragar o Premio ascende a 75.000 euros. Esta contía repartirase entre as cinco categorías, o que supón un galardón de 15.000 euros para cada unha delas.
En definitiva, a IV edición dos Premios PEL pon de manifesto a forte aposta que está a realizar a presente corporación provincial polo emprendemento, polo fortalecemento do tecido empresarial, pola innovación no emprego e polo fomento das pequenas e medianas empresas, como peza clave no desenvolvemento económico da provincia e motor da nosa economía.

BASES

OBXECTO

A súa finalidade consiste en premiar as iniciativas e o traballo realizado polas empresas, asociacións empresariais e concellos, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradores/as de riqueza e emprego, contribuíndo á súa sustentabilidade e fomentando a cultura emprendedora na provincia.

CATEGORÍAS

1) Premio á mellor iniciativa empresarial nova
Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial ininterrompida nas anualidades 2019 ou 2020 e sempre con anterioridade á publicación da convocatoria no BOP.
Valorarase a orixinalidade do proxecto empresarial, a súa capacidade de diferenciación, así como o seu carácter innovador e as medidas de responsabilidade social implantadas, entre outros.


2) Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada
Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que comezasen a súa actividade empresarial ininterrompida durante a anualidade 2015 ou con anterioridade.
Valorarase a traxectoria empresarial, os postos de traballo creados, os sistemas de responsabilidade social implantados, entre outros.


3) Premio á mellor iniciativa innovadora na loita contra a COVID-19
Para pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos/as e concellos que a través da súa actividade innovadora axudasen a frear a expansión da COVID-19, investigaran unha posible cura e/ou contribuísen dalgún xeito a paliar os danos, efectivos e colaterais, ocasionados pola pandemia.

Valorarase o desenvolvemento de proxectos innovadores na loita contra a COVID-19, medidas implantadas para o benestar e seguridade das persoas traballadoras, accións altruístas realizadas relacionadas coa excepcionalidade da situación ocasionada pola pandemia, entre outros.


4) Premio ao concello promotor do emprego de calidade
Para concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que impulsen a iniciativa empresarial e o emprendemento, promovan a xeración de emprego de calidade e contribúan a evitar o despoboamento do rural.
Valorarase a xeración de emprego, a inclusión de colectivos en risco de exclusión social, o fomento do traballo colaborativo e a poboación do municipio, entre outros.


5) Premio á mellor asociación empresarial
Para asociacións, agrupacións e federacións de empresarios/as da provincia da Coruña.
Valoraranse os servizos ofertados pola asociación, as actividades e proxectos postos en marcha pola mesma, os logros acadados, entre outros.

REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN

Poden participar neste premio pequenas, medianas empresas, microempresas, autónomos/as, asociacións empresariais e concellos de menos 20.000 habitantes da provincia da Coruña. A participación será gratuíta e só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida de xeito telemático, a través da plataforma Subtel. O prazo de presentación de candidaturas abrirase ao día seguinte da publicación da convocatoria no BOP. A mera presentación das candidaturas en tempo e forma suporá a súa aceptación no proceso de valoración e selección.

PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS

Para a participación na convocatoria en calquera das cinco categorías, deberase presentar a seguinte documentación obrigatoria:


Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as
- Memoria de candidatura, estruturada segundo os criterios de valoración da categoría correspondente, constituíndo cada un deles un apartado da memoria, e na que deberá figurar o enlace ao vídeo de candidatura (máx. 7 páxinas)
- Certificado de situación censual actual expedido pola AEAT
- No caso de autónomos/as, informe de vida laboral actualizado expedido pola TXSS
- No caso de pemes e microempresas, escritura de constitución da entidade o e as súas modificacións ou variacións posteriores no caso de que as houbera, ou calquera outro documento análogo no que figuren os estatutos, estipulacións ou contratos privados, así como a inscrición no rexistro público correspondente

Concellos
Memoria de candidatura, estruturada segundo os criterios de valoración da categoría correspondente, constituíndo cada un deles un apartado da memoria, e na que deberá figurar o enlace ao vídeo de candidatura (máx. 7 páxinas)


Asociacións empresariais
- Memoria de candidatura, estruturada segundo os criterios de valoración da categoría correspondente, constituíndo cada un deles un apartado da memoria, e na que deberá figurar o enlace ao vídeo de candidatura (máx. 7 páxinas)
- Estatutos e as súas variacións posteriores, no caso de que as houbera

ELECCIÓN DAS CANDIDATURAS GAÑADORAS

Unha vez finalizado o prazo para presentar candidaturas procederase a súa valoración por parte do xurado. Este xurado estará constituído por:

• Dous representantes da Deputación da Coruña: o Presidente da entidade provincial e o Xefe do Servizo de Desenvolvemento territorial e Medio Ambiente ou persoas nas que deleguen.
• Dous representantes das Cámaras de Comercio con ámbito territorial na provincia da Coruña.
• Dous representantes do ámbito universitario da provincia da Coruña vinculado aos eidos da empresa e da innovación.
• Un/unha representante de asociacións de empresarios/as con presenza na provincia da Coruña.
•Un/unha empresario/a con dilatada experiencia no eido empresarial e de recoñecido prestixio na provincia da Coruña.

O Presidente da Deputación da Coruña ostentará a Presidencia do xurado. En caso de ausencia deste, a presidencia será exercida polo membro de maior idade. Así mesmo, o Xefe do Servizo de Desenvolvemento territorial e Medio Ambiente, ou persoa na que delegue, exercerá a Secretaría do mesmo.

O xurado reunirase co obxecto de deliberar e poñer en común as puntuacións outorgadas a cada unha das candidaturas presentadas. A media aritmética das puntuacións establecidas por cada membro do xurado constituirá a puntuación final da candidatura.Unha vez valorada a totalidade de candidaturas establecerase unha prelación entre elas. No caso de que varias candidaturas obtiveran a mesma puntuación final e que, ademais, esta fose a puntuación máis elevada da categoría, efecturase unha votación  entre as candidaturas empatadas na primeira posición e, se persistise o empate, decidirá o voto de calidade do Presidente.

PREMIOS

En 2020 o orzamento do PEL destinado ao Premio ascende a un total de 75.000 euros, o que supón un premio en metálico por un importe bruto de 15.000 euros por categoría. Sobre esta contía realizaranse as retencións correspondentes do ordenamento tributario regulador do IRPF e do IS.

CONCESIÓN

A concesión do premio realizarase mediante Resolución da Presidencia a proposta motivada do xurado.
As candidaturas gañadoras daranse a coñecer nun acto de entrega de galardóns organizado pola entidade provincial.
A Resolución de concesión será publicada no BOP, no taboleiro de anuncios e na páxina web do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.
O prazo de resolución da presente convocatoria e notificación as entidades e persoas interesadas, será o máximo previsto no artigo 25.4 da Lei Xeral de Subvencións, que establece que non poderá exceder de seis meses, salvo que unha norma con rango de lei estableza un prazo maior ou así veña previsto na normativa da Unión Europea.

GARANTÍAS

A participación no IV Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial, en calquera das súas categorías, implica a aceptación íntegra e incondicional das bases reguladoras.

As candidaturas presentadas deberán garantir absoluto respecto aos dereitos da propiedade intelectual ou industrial de terceiros. Neste sentido, a/o participante deberá declarar que é titular de todos os dereitos de propiedade intelectual e industrial que lle puideran corresponder, eximindo a organización de calquera tipo de controversia, disputa ou litixio que poida derivarse da selección e explotación da candidatura presentada.

PROTECCIÓN DE DATOS

As candidaturas que presenten datos de carácter persoal con motivo da súa presentación á convocatoria, consenten expresamente a incorporación de ditos datos a un ficheiro propiedade da Deputación da Coruña, así como o seu tratamento e utilización na xestión da convocatoria.

Igualmente, os/as candidatos/as consenten a utilización por parte da entidade provincial, da súa imaxe corporativa, nome completo e vídeo de candidatura en calquera tipo de publicidade, promoción, publicación ou calquera outro medio de difusión, da natureza que fose, con fins informativos ou promocionais sempre que exista relación co Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial.

De acordo co disposto na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados serán tratados coa finalidade de poder atender a súa candidatura. Os devanditos datos serán tratados de xeito confidencial, e só poderán ser cedidos, nos casos contemplados na Lei. Comunicámoslle que pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación ó tratamento e portabilidade dos seus datos, perante a Deputación da Coruña en Avenida Porto da Coruña, 2, 15003 A Coruña, ou dirixindo un correo a delegadodeprotecciondedatos@dacoruna.gal

 

OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE

Bases reguladoras publicadas no BOP nº 191 de 11 de novembro de 2020

Convocatoria publicada no BOP nº 198 de 20 de novembro de 2020 

Ampliación do prazo de presentación de candidaturas no BOP nº 3 do 7 de xaneiro de 2021

Plataforma de tramitación telemática Subtel 

Prazo aberto desde o 23 de novembro de 2020 ata ás 14.00 h. do 28 de xaneiro de 2021

Referencia da convocatoria en Subtel: PEL-EPR PREMIO 2020

Gañadoras da 3ª edición

IGALIA
NUMAX
Estudio 1917
Concello de Vedra
Asociación de empresarios de Ferrolterra

 

  Plan de Emprego Local
III Premio provincial á mellor iniciativa empresarial

 Teléfono: 981 080 513

   email: pel@dacoruna.gal

 

 

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X