Estás en:Emprego Novas

A Deputación proxecta a ampliación da Ponte Olveira, entre Dumbría e Mazaricos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe sendas visitas institucionais aos concellos de Mazaricos e Outes, nos que destacou "o apoio que a institución provincial presta aos pequenos e medianos concellos do ámbito rural", onde a Deputación "centra o seu esforzo investidor" a través de programas como o Plan de Acción Social (PAS) e o Plan de Medioambiente (PMA). Os plans provinciais aprobados no último ano supoñen un investimento de máis de 10,5 millóns de euros na comarca de Barbanza.

Acompañado do deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, e de técnicos do departamento de Vías e Obras, o presidente provincial visitou en primeiro lugar o Concello de Mazaricos, onde se reuniu por espazo de unha hora co alcalde, Juan José Blanco Riveiro, co que analizou os investimentos dos plans provinciais e as melloras de infraestruturas na localidade.

Neste aspecto, González Formoso destacou que a Deputación elaborou un anteproxecto, pendente actualmente do informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, para a ampliación da Ponte Olveira, que atravesa o río Xallas entre Mazaricos e Dumbría, e a mellora da seguridade peonil nun tramo moi transitado por peregrinos, que forma parte do Camiño de Santiago.

O anteproxecto elaborado polo departamento de Vías e Obras da institución provincial contempla o ensanchamento da estrada no tramo estreito da ponte, que actualmente comparten turismos, camións e os milleiros de peregrinos que cada ano atravesan a ponte na súa ruta xacobea, e a creación de beiravías laterais para o paso de peóns, o que incrementaría notablemente a seguridade, e enmárcase no proxecto global de mellora en varios treitos do Camiño que está a desenvolver a Deputación, coa creación de sendas peonís en lugares como Dumbría, Muxía ou Santa Comba.

O presidente provincial anuncioulle tamén ao alcalde de Mazaricos que no núcleo de Ponte Olveira darán comezo este mesmo mes de setembro as obras de construción dunha nova senda peonil de dous metros de ancho entre os puntos quilométricos 19,600 e 20,100 da estrada provincial DP-3404, que suporán un investimento de 80.689 euros e comprometeuse a estudar a demanda do rexedor local de construír tamén un tramo de senda no núcleo de Insua, que actualmente carece de beiravía peonil nunha estrada que conta cun elevado volume de tráfico.

Máis de 1 millón de euros para mellorar infraestruturas en Mazaricos

González Formoso e Blanco Riveiro analizaron os diferentes investimentos efectuados pola Deputación no municipio no último ano, que ascenden a máis de 1 millón de euros, e que permitiron entre outras cuestións a pavimentación das rúas Galicia e Ventín, a mellora de camiños en Eirón, Coiro, Alborés, Antes, Colúns e outras parroquias e a mellora das instalacións deportivas e socioculturais do municipio.

A través da achega do novo Plan de Emprego Local (PEL), que triplica os fondos que o municipio viña recibindo para o fomento do emprego, pasado dunha asignación de 11.400 euros en 2015 a 31.000 en 2016, o Concello de Mazaricos contratou a cinco persoas que desenvolven tarefas de mantemento e conservación de espazos públicos.

O Plan de Medioambiente (PMA), cunha dotación de 81.246,62 euros para o concello, permitirá a Mazaricos construír un azud con escala de peixes no río Sanabria, mellorar a rede de saneamento de Mundín, adquirir novos contedores de lixo e financiar unha auditoría enerxética co obxecto de aforrar custes no consumo eléctrico municipal.

1,5 millóns para obras en Outes

O presidente provincial desprazouse despois ao Concello de Outes, onde foi recibido no Salón de Plenos pola nova alcaldesa da localidade, Beatriz Molinos Vidal, polo exrexedor de Outes, Carlos López Crespo, e polos membros da corporación local.

González Formoso repasou algunhas das infraestruturas financiadas no período 2015-2016 no municipio, que supoñen unha importante inxección económica de preto de 1,5 millóns de euros nun concello cun orzamento de 4,7 millóns e 7.000 habitantes e que "contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños" e a "xerar actividade económica e postos de traballo", apuntou.

"Nós poñemos os fondos, pero son os concellos deciden onde investilos", lembrou o presidente provincial, que sostivo que o cambio de criterios do DTC ao PAS, "primando aos concellos rurais da provincia en vez das grandes cidades", supuxo para Outes pasar no último ano dun investimento de 162.000 euros aos 350.000 €, o que lle permitiu financiar a reforma da piscina municipal (99.394 €), o acondicionamento do parque infantil de Broña (80.210,14 €) e do aparcadoiro da Igrexa de Outes (49.063 €) e a humanización do entorno de Coirada, entre outras accións.

O POS 2016 serviu para financiar tamén os proxectos de humanización nos núcleos de Famelga, Almeida, Sacido e outros, mentres que o Plan de Emprego (que este ano pasa de 9.876 a 40.000 euros, cuadriplicando a súa achega) serviu para a creación de 8 postos de traballo no municipio, destinados a maiores de 45 anos, parados de longa duración e persoas en risco de exclusión social.

O novo Plan de Medioambiente (PMA) vai a permitir a Outes renovar boa parte dos seus contedores de lixo e adquirir novas bombas somerxibles para evacuación de augas residuais, cun orzamento de 45.539, 96 euros.

No apartado de infraestruturas viarias, a rexedora e López Crespo coincidiron en cualificar de "moi xenerosa" a achega da Deputación, que neste ano investiu preto de medio millón de euros para a mellora das estradas DP 5604, DP 6203 e DP 5602 (Travesías da Serra a San Cosme e Negreira a Pontenafonso), nun concello que só conta con 57 quilómetros de viais provinciais, pero no que máis de 600 son estradas de titularidade municipal.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X