Estás en:Emprego Novas

González Formoso inaugura o novo curso no IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña

No exterior do centro inaugurouse un monólito conmemorativo e unha pequena exposición que repasa a pegada que Mera deixou no ámbito empresarial, social e cultural

O presidente destacou que o cambio de denominación do centro "fai honor ao compromiso social e coa educación que caracterizou a traxectoria vital de Rosalía Mera"

O centro, con 65 anos de historia, oferta aos seus 328 alumnos e alumnas un total de once ciclos formativos e conta cun elevado índice de inserción laboral

González Formoso inaugura o novo curso no IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña

Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia;Genaro García, director do centro, e Valentín González Formoso, presidente da Deputación, participaron no acto inaugural do curso 2021-2022

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, inaugurou oficialmente esta mañá o curso escolar 2021-2022 no IES Rosalía Mera da Coruña. Ao acto asistiu tamén a deputada de Educación, Sandra González, e representantes dos grupos políticos da corporación provincial e da Fundación Paideia.

"O antigo centro Calvo Sotelo xa é oficialmente o IES Rosalía Mera, un cambio de nome co que queremos facer honor ao compromiso social e coa educación que caracterizou a traxectoria vital dunha gran muller, que deixou unha fonda pegada no ámbito empresarial, social, cultural e da igualdade nesta cidade e nesta provincia", afirmou o presidente provincial no acto oficial do inicio do curso, tras inaugurar no exterior do centro un monólito de pedra conmemorativo e unha exposición na que se repasa a biografía da empresaria e filántropa coruñesa.

"Que centos de mozos e mozas de toda a provincia teñan a oportunidade de formarse profesionalmente nun centro educativo que leva o nome de Rosalía Mera é para nós motivo de orgullo", afirmou Valentín González Formoso.

Ante os 328 alumnos e alumnas que este ano cursarán os seus estudos no centro e os 30 docentes que se encargarán de formar aos futuros profesionais, González Formoso subliñou "os 65 anos de compromiso co ensino" deste centro educativo dependente da Deputación da Coruña, que naceu cunha importante vocación social para axudar aos que non tiñan medios para estudar e que "hoxe é todo un referente da Formación Profesional en Galicia, cunha acreditada calidade docente e un elevado índice de inserción laboral do alumnado".

González Formoso instou o alumnado que hoxe comeza este novo ciclo a "manter a ilusión deste primeiro día" e a esforzarse "para conseguir as vosas metas e os vosos soños" e apuntou que "dende a Deputación da Coruña seguiremos traballando para que poidades seguir contando cos mellores medios e tendo a mellor formación posible".

Pola súa banda, o director do IES, Genaro García, destacou que "o traballo de adaptación aos novos tempos" que o centro leva anos facendo "culmina hoxe con este cambio de denominación, homenaxeando a unha persoa que contribuíu á transformación desta cidade e do seu entorno".

Finalmente, Federico Menéndez, patrón da Fundación Paideia, agradeceu "o alto honor que para Rosalía Mera sería ver o seu nome neste instituto" e destacou o seu compromiso social e o seu traballo a favor da formación e investigación, especialmente da mocidade, un legado que hoxe mantén a Fundación Paideia Galiza.

O centro oferta este ano tres ciclos de FP básica (Instalación e Mantemento, Carpintería e Artes Gráficas), seis de grao medio (Electricidade, Carpintería, Mecanizado, Soldadura, Impresión Gráfica Preimpresión Dixital) e dous de FP superior de Mecatrónica Industrial e Deseño Gráfico. Ademais, conta con residencia propia para os estudantes que proveñen de fóra da cidade da Coruña.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X