Estás en:Emprego Novas

Ao redor de 10.000 persoas viviron durante 5 días o agardado regreso da Mostra do Encaixe da Deputación da Coruña

O protocolo COVID deseñado pola organización, con control de capacidade e redución de espazos, fixo que o evento se celebrase dunha forma segura.

Deuse a coñecer o cartel da XXXI Mostra do Encaixe, no que se poden ver uns palillos no Monte Blanco coas praias de Trece ao fondo.

Encarna Liñeiro agradeceu o traballo de todas as persoas implicadas e deu por rematada "a mostra máis agardada, que 600 días despois foi unha realidade"

Ao redor de 10.000 persoas viviron durante 5 días o agardado regreso da Mostra do Encaixe da Deputación da Coruña

O público tiña ganas de Mostra, e nestes 5 días notouse. O evento, que converte a Camariñas en capital da moda por uns días, mudou de datas pero non de esencia e, pesar do Protocolo COVID deseñado pola organización, con redución de aforamento, foron ao redor de 10.000 as persoas que se achegaron á Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña máis agardada de todos os tempos.

Na xornada de clausura, trala entrega dos premios do XXVII Concurso de Noveis Deseñadores, o público volveu encher o pavillón de desfiles para presenciar o ben que o fan as encaixeiras sénior e os rapaces e rapazas do PequEncaixe, un fermoso intercambio xeracional no que, sobre a pasarela, se deron o relevo o presente e o futuro do encaixe de Camariñas.

Ademais, os asistentes tamén puideron desfrutar das pezas de artesanía con aplicación de encaixe que se amosaron na nova sección de ArtEncaixe, un novo desfile que, tras o éxito acadado, parece que chega á Mostra para quedar. Non faltaron os Grandes Deseñadores, que se despediron de Camariñas e do público ata a seguinte Mostra realizando un último pase, cargado de festa e emoción.

A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, agradeceu no seu discurso a "todas as persoas que traballaron a reo e se implicaron para que todo saíse ben" e deu por clausurada "a Mostra máis agardada, que 600 días despois foi unha realidade". "Estou segura de que, cando pasen 30 anos, seguirase vivindo coa mesma ilusión", afirmou.

Cartel da XXXI Mostra do Encaixe

Ao remate, presentouse o cartel da XXXI Mostra do Encaixe, que se celebrará do 13 ao 17 de abril de 2022 e na que xa se agarda recuperar a total normalidade e, entre outras cousas, poder volver a recibir ás Delegacións Internacionais que tanto se botaron de menos nesta edición.

O cartel combina a tradición do encaixe, representada polos palillos, coas fermosas paisaxes que ofrece Camariñas. Neste caso os palillos repousan no Monte Blanco con vistas ás praias de Trece ao fondo. "Coñécennos polo encaixe e queremos que tamén o fagan porque vivimos no paraíso", destacou Encarna Liñeiro.

Recoñecemento ás Escolas de Palillo e Torneo de Xadrez

Por outra banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e os concelleiros e concelleiras Encarna Liñeiro, Sergio Caamaño e Fabián Canosa fixeron entrega duns agasallos aos nenos e nenas das Escolas de Palillo e tamén se encargaron da entrega de premios do III Torneo de Xadrez Mostra do Encaixe de Camariñas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X