Estás en:Emprego Novas

A Deputación licita por 1,16 millóns de euros as obras de ampliación e mellora do trazado da DP-7804 de Santiago a Val do Dubra

As tarefas levaranse a cabo ao longo de tres quilómetros e medio e supoñen unha importante mellora da seguridade viaria nun tramo que conta cun elevado tránsito de vehículos ao conectar o núcleo de Miramontes coa intersección da DP-0701

Trátase dun dos maiores investimentos do departamento de Vías e Obras do ente provincial para o presente ano

As obras dan continuidade ás tarefas xa realizadas con anterioridade para construír unha nova ponte sobre o rego Gatofero, no punto quilométrico 19+720, obra que supuxo un investimento de 325.728 euros

A Deputación licita por 1,16 millóns de  euros as obras de ampliación e mellora do trazado da DP-7804 de Santiago a Val do Dubra

A Deputación da Coruña saca a licitación por importe de 1,16 millóns de euros as obras para ensanchar e mellorar o trazado e o firme da estrada provincial DP-7804 Val do Dubra – Santiago entre os puntos quilométricos 18+690 e 22+223, no termo municipal de Santiago de Compostela.

A iniciativa conta cun importante investimento de 1.167.967 euros, un dos proxectos con maior orzamento do departamento de Vías e Obras da Deputación durante o presente ano. Este permitirá mellorar de forma substancial a seguridade nun tramo de tres quilómetros e medio dunha vía que conta cun elevado volume de tráfico ao conectar o núcleo compostelán de Miramontes coa intersección da DP-0701.

A través desta actuación ampliarase a plataforma da vía ata os 9 metros de ancho, contando con 7 metros de calzada e 1 metro de beiravía en cada unha das marxes. Os traballos tamén inclúen a mellora do trazado en determinadas curvas e a pavimentación da plataforma. Á súa vez, instalarase un sistema de drenaxe lonxitudinal con tubo de formigón, recollida de pluviais nos tramos onde hai beirarrúas e dotarase á zona de nova sinalización horizontal e vertical.

As obras contan cun prazo de execución de 12 meses e as empresas interesadas en presentar as súas propostas poderán facelo ata o 2 de novembro.

Nova ponte sobre o rego Gatofero

A acción dá continuidade ás melloras realizadas previamente nesta estrada provincial coa construción dunha nova ponte sobre o rego Gatofero, no punto quilométrico 19+720, que supuxo un investimento de 325.728 euros.

A Deputación demoleu a antiga ponte, que contaba con só 6 metros de ancho que resultaban insuficientes para a nova sección da vía, e construíu un novo viaduto con catro vigas dobre T de 25 metros de lonxitude e 12 metros de ancho, dos que 9 son de calzada e 3 de beirarrúas, que se sitúan en ambas as dúas marxes.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X