Valentín González Formoso destaca “o gran potencial emprendedor” da provincia da Coruña na Startup Europe Week
O presidente da Deputación sinalou a utilidade do Plan de Emprego Local, que "axudou a pór en marcha o talento da provincia", apoiando economicamente a máis de 2.000 proxectos de emprendedores
González Formoso tamén valorou a Rede de espazos de Coworking da Deputación, que "favorecen o emprendemento e ofrecen novas oportunidades laborais á xuventude, co obxectivo de que poidan facer a súa vida na súa terra e evitar que o talento galego teña que emigrar"
O encontro celebrado esta mañá no Pazo de Arenaza contou coa presenza do doutor Antonio Hyder, investigador da Universidade de Standford e director de investigación en Hackers & Founders en Palo Alto

Valentín González Formoso destacou "o potencial emprendedor" da provincia da Coruña e as oportunidades que ofrece a Deputación a través do seu Plan de Emprego Local (PEL) e da Rede de Espazos de Coworking, pioneira en Galicia, ás emprendedoras e emprendedores coruñeses. Así o sinalou na clausura da xornada dedicada ás startups (empresas de recente creación) organizada pola Deputación na que participou tamén o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo.
A xornada desenvólvese no marco da Startup Europe Week, un acontecemento impulsado pola Comisión Europea para fortalecer o ecosistema emprendedor no ámbito local.
O evento tivo lugar esta mañá no Pazo de Arenaza (Oleiros) , un dos espazos de traballo cooperativo da Deputación da Coruña, e nel congregáronse persoas emprendedoras e promotoras de iniciativas empresariais innovadoras e tecnolóxicas como son STGO, OpositaTest, AllGenetics e DromoSport. No acto tamén participou o doutor Antonio Hyder, investigador da Universidade de Standford e director de investigación en Hackers & Founders en Palo Alto (EE.UU).
Valentín González Formoso sinalou no encontro que desde o 2016 a Deputación impulsa a cultura emprendedora a través do seu Plan de Emprego Local (PEL). Unha liña de axudas que permitiu que máis de 2.000 emprendedores e emprendedoras puxeran en marcha os seus negocios, creasen novos postos de traballo e dinamizasen a súa actividade.
Unha Rede Provincial de Coworking para "dar apoio ao talento galego"
Dentro desta aposta e compromiso co emprendemento, o goberno provincial tamén puxo en marcha unha Rede de Espazos de Coworking pioneira en Galicia, coa que se pretende impulsar o emprego nos ámbitos rurais da provincia, así como favorecer e ofrecer oportunidades á mocidade no mundo laboral, "para que poidan facer a súa vida aquí, sen verse na obriga de emigrar", indicou González Formoso, incidindo en que desde o ente provincial se busca "dar apoio ao talento galego".
"Ademais destas iniciativas, a Deputación tamén fomenta as sinerxias entre empresas premiando ás mellores iniciativas empresariais da provincia e organizando eventos como este, no que se pretende fomentar o intercambio de coñecemento e de boas prácticas empresariais", sinalou González Formoso. O presidente provincial sinalou que desde a Deputación "centraremos os nosos esforzos na promoción do rural, do emprendemento da mocidade para que non se vexa na obriga de emigrar". Apostando pola produción tradicional, artesanal e ecolóxica como exemplo de economía circular e do traballo colaborativo, para así xerar emprego de calidade e promover o desenvolvemento socioeconómico da provincia; prioridade transversal para a Deputación.
Nun formato innovador de "world café", as persoas participantes nesta xornada tiveron a ocasión de falar e compartir experiencias cos impulsores destas empresas: Santiago González, CEO e cofundador de STGO; a doutora Alejandra Perina, directora de bioinformática, cofundadora e socia de AllGenetics & Biology S.L.; Jonathan García, CEO e cofundador de Opositatest.com e Olga Pariente, fundadora de Dromo Sport.
Ademais, no encontro tamén estivo o Doutor Antonio Hyder, investigador na Universidade de Stanford e director de investigación científica en Hackers &Founders (Palo Alto, EE.UU.), que abordou o desenvolvemento de ecosistemas tecnolóxicos e científico no territorio.