Estás en:Emprego Novas

A Deputación destina 100.000 euros para a cesión de tres embarcacións eléctricas aos xeodestinos da provincia

A nova liña de axudas inclúe a posta en marcha dun proxecto piloto de ecoturismo náutico

Cada un dos entes de xestión dos seis territorios poderá optar á concesión dun só barco

A Deputación destina 100.000 euros para a cesión de tres embarcacións eléctricas aos xeodestinos da provincia

A Deputación da Coruña, dentro das súas liñas de mellora da calidade e da competitividade turística, vén de abrir a convocatoria dunha axuda para a cesión de tres embarcacións eléctricas non somerxíbeis aos entes de xestión de Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Barbanza Arousa. O orzamento inclúe a posta en marcha dun proxecto piloto de ecoturismo náutico. Cada un dos seis xeodestinos da provincia poderá optar a concesión dun so barco.

"En Turismo da Deputación", explicou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, "hai tempo que traballamos na idea de poñer en marcha varios programas pilotos relacionados co turismo fluvial". "Cremos", engadiu, "que nun país como Galiza e nunha provincia como é a da Coruña, dun gran potencial fluvial, precisabamos dun proxecto deste tipo de aproveitamento dos recursos fluviais, claramente sustentábel, pois estes tres barcos estarán propulsados por enerxía absolutamente limpa".

O obxectivo da área de Turismo da Deputación é que o proxecto chegue, en vindeiras anualidades, á totalidade do territorio e que os seis xeodestinos poidan contar con cadansúa embarcación. "Onde sexa posible, claro", afirmou Regueira, "pero temos en toda a nosa xeografía ríos perfectamente navegables para este tipo de barcos; ademais por espazos, como tamén lagos e lagoas, cunhas características naturais moi interesantes para calquera visitante".

Para o vicepresidente "trátase de ir vendo como se pode deseñar e estruturar un produto fluvial que teña rendibilidade e retorno no territorio, tanto a nivel de emprego como de economía e mesmo de ocio para a poboación residente".

As solicitudes ás axudas presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL).

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X