Estás en:Emprego Novas

Xosé Regueira sobre a selección da candidatura de Cabo Ortegal a Xeoparque da UNESCO: “Estamos ás portas de entrar na elite mundial”

O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, asegura que o apoio da candidatura por parte do Comité Español "sitúanos nun momento histórico" e celebrou que o traballo realizado entre Deputación e concellos estea dando os froitos esperados

A Deputación e a Asociación para a xestión do Xeoparque teñen formalizado un convenio de 240.000 euros para levar a cabo as actuacións imprescindibles para a defensa da candidatura do Xeoparte perante a UNESCO

Xosé Regueira sobre a selección da candidatura de Cabo Ortegal a Xeoparque da UNESCO: “Estamos ás portas de entrar na elite mundial”

A Casa da Cultura de Valdoviño acolleu esta mañá a xuntanza de traballo entre os concellos promotores do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia para analizar os últimos avances na tramitación do proxecto e a inminente publicación das candidaturas estatais que optan ao distintivo Global Geopark da UNESCO. Na reunión estiveron presentes representantes dos concellos integrados na asociación promotora, o vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela, e a directora xeral de Patrimonio Natural da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Belén María do Campo Piñeiro.

A comunicación do Comité Español de Cooperación coa UNESCO apoiando a candidatura a Xeoparque Mundial foi o tema central da xuntanza. Aínda que a previsión é que a designación oficial se faga dentro duns días, en canto o comité remita a correspondente carta de apoio ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques das Nacións Unidas, as administracións participantes na xuntanza celebraron esta nova como moi positiva e esperanzadora de cara a acadar a certificación.

"Nunca tan cerca estivemos e esta nova sitúanos ás portas de entrar na elite mundial dos sitios xeolóxicos" asegurou Xosé Regueira, quen ademais cualificou de "histórico" o feito de que o proxecto de Cabo Ortegal sexa unha das dúas candidaturas propostas polo Estado español, xunto a Costa Quebrada de Cantabria. O vicepresidente da Deputación tamén lembrou todo o traballo realizado nos últimos anos ata chegar a esta candidatura, puxo en valor a colaboración entre o ente provincial, os concellos implicados e a Xunta, e asegurou que "agora temos por diante moito traballo" de cara ao seguinte paso, que é a visita do comité avaliador prevista para mediados de 2022.

Neste sentido, cabe lembrar que no pasado mes de outubro a área de Turismo da Deputación formalizou un convenio de colaboración cos sete concellos que conforman a Asociación para a xestión do Xeoparque de Cabo Ortegal por un importe de preto de 240.000 euros para levar a cabo as actuacións imprescindibles para a defensa da candidatura. O obxectivo do convenio é propiciar que os sete concellos que forman parte a Asociación do proxecto -Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño- desenvolvan accións que vinculen a riqueza xeolóxica, paisaxística e ambiental co desenvolvemento económico da comarca.

Segundo se expuxo no encontro de traballo desta mañá, na selección da candidatura do Xeoparque de Cabo Ortegal tivéronse en conta  novos criterios  que recollen a excepcionalidade xeolóxica do Cabo Ortegal, onde existen ata 6 Geosites -lugares de interese xeolóxico internacional- representativos do contexto da Oroxenia Varisca Ibérica e únicos no mundo para descubrir en superficie un dos capítulos máis apaixonantes da historia do planeta. Neste sentido, o proxecto local obtivo a cualificación máxima: 13 puntos.

Por último, o vicepresidente tamén fixo mención ao "ronsel de boas noticias relacionadas con este proxecto", tras coñecerse a semana pasada que o proxecto de Cabo Ortegal é un dos propostos pola Xunta e polo Goberno central para os fondos da convocatoria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X