Estás en:Emprego Novas

O Plan único da Deputación e o Concello de Santiago de Compostela suman forzas para ampliar a ponte da Ruta da Prata na Cañoteira

A colaboración entre Deputación e o Concello tamén permitirá levar a cabo un importante investimento de 459.717 euros para pavimentar estradas de Pardiñas (Laraño) e construír unha senda peonil que conecte este núcleo poboacional coa marquesiña de autobús

As actuacións atópanse en fase de licitación ata o 14 de decembro

O Plan único da Deputación e o Concello de Santiago de Compostela suman forzas para ampliar a ponte da Ruta da Prata na Cañoteira

A Deputación da Coruña, a través do seu Plan único, e o Concello de Santiago de Compostela suman forzas para mellorar a seguridade viaria e as infraestruturas do municipio coa ampliación da ponte da Ruta da Prata sobre as vías do ferrocarril na estrada de Cañoteira de Marrozos a Ardagán. Froito desta colaboración, tamén se creará unha senda peonil e se renovarán vías no núcleo de Pardiñas, na parroquia de Laraño.

As actuacións acondicionarán espazos que se atopaban deteriorados polo paso do tempo ou que presentaban estreitamentos que dificultaban a correcta circulación do tránsito rodado e peonil. Deste xeito, o ente provincial investirá 212.000 euros a través do Plan único para ampliar o paso elevado do camiño xacobeo da Ruta da Prata na estrada local de Cañoteira de Marrozos a Ardagán sobre as vías da antiga liña de ferrocarril de Ourense a Santiago.

O proxecto permitirá que o ancho da plataforma pase dos 3,8 metros actuais aos 10 metros. Esta é a medida necesaria para facilitar o xiro de 90º que os vehículos procedentes de Cañoteira de Marrozos teñen que realizar no comezo da obra de paso. Esta actuación incrementará de forma substancial a seguridade dos vehículos que discorran pola zona. Para a ampliación do paso superior deseñouse unha solución estrutural similar á existente, composta por semibóvedas prefabricadas de formigón que se apoiarán sobre catro cimentos. A sección de firme estará constituída por unha capa de rodaxe de mestura bituminosa e nos accesos á ponte por unha base de balastro artificial.

As obras, que se atopan en fase de licitación ata o 14 de decembro, inclúen a reposición das instalacións afectadas pola execución das tarefas: abastecemento de auga potable, saneamento de augas residuais, drenaxe de augas pluviais, iluminación pública, telecomunicacións e baixa tensión. Así mesmo, tamén se instalará nova sinalización e módulos de cerramento de protección antivandalismo. As tarefas contan cun prazo de execución de catro meses.

Estradas máis seguras no núcleo de Pardiñas con novos pavimentos e unha senda peonil

A colaboración entre a Deputación e o Concello de Santiago tamén contempla un importante investimento de 459.717 euros para acondicionar e mellorar pavimentos en Pardiñas, na parroquia de Laraño. As actuacións tamén contribuirán a incrementar a seguridade peonil coa construción dunha senda de formigón que conectará o núcleo poboacional coa marquesiña do autobús.

Deste modo, levaranse a cabo traballos de asfaltado e de limpeza e acondicionamento das marxes das estradas para favorecer a escorrentía de augas pluviais. Tamén se contempla a instalación de novas tubaxes de abastecemento. As tarefas atópanse en fase de licitación ata o 14 de decembro e contan cun prazo de execución de seis meses.

O Plan único da Deputación achega 320.101 euros do orzamento total do proxecto, sendo os 139.616 restantes cofinanciados polo Concello de Santiago.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X