Estás en:Emprego Novas

‘O mercado na fin do Camiño’ chega esta fin de semana a Corcubión da man da Deputación da Coruña

A área provincial de Turismo promove un mercado de artesás e un amplo programa de actividades complementarias co obxectivo de desestacionalizar a actividade económica ligada ao Camiño e ao turismo na Costa da Morte

‘O mercado na fin do Camiño’ chega esta fin de semana a Corcubión da man da Deputación da Coruña

A área de Turismo da Deputación da Coruña, que xestiona o deputado e vicepresidente Xosé Regueira, organiza esta fin de semana 'O mercado na fin do Camiño' coa participación de máis de 15 artesás e un amplo programa de actividades culturais e de lecer para todos os públicos e idades.

O mercado, que se instalará na praza Castelao de Corcubión, estará aberto ao público de 12:00h a 20:00h ininterrompidamente tanto o sábado 4 como o domingo 5 de decembro. "A idea é promover unha oferta complementaria de actividades, xusto nunha fin de semana na que se inicia unha ponte, e contribuír a desestacionalizar a actividade económica ligada ao Camiño e tamén á actividade turística en xeral na Costa da Morte" asegura Xosé Regueira.

O vicepresidente tamén explica que esta iniciativa pretende "amosar e difundir dun xeito directo o talento das artesás da comarca, dándoo a coñecer de primeira man e tratando de xerar outras oportunidades de negocio diferentes ás habituais". Neste sentido, no mercado participarán artesás que traballan en ámbitos moi diversos, desde a xoiería, a bixutería e o coiro, ata a ilustración, a cerámica ou o encaixe.

Tamén durante as dúas xornadas están previstas 'sesións vermú' e 'sesións tardeo' amenizadas por DJ, un recital poético, e diversos obradoiros como de maquillaxe para crianzas, de arte efémera ou de diversas técnicas de artesanía.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X