Estás en:Emprego Novas

A Deputación creará unha senda peonil e ampliará a DP-3201 ao seu paso por Curtis, proxecto ao que dedica 1,1 millóns de euros

A seguridade viaria da estrada incrementarase coa súa ampliación dos cinco aos nove metros nun tramo de preto de tres quilómetros
Configurarase unha senda peonil de un quilómetro de lonxitude e dous metros de ancho na zona de Santaia, principal núcleo rural da contorna
As tarefas inclúen a renovación da drenaxe e a instalación de nova sinalización

A Deputación creará unha senda peonil e ampliará a DP-3201 ao seu paso por Curtis, proxecto ao que dedica 1,1 millóns de euros

A Deputación da Coruña mellorará a seguridade viaria na estrada provincial DP-3201 desde a estación de Curtis ao Carregal e Gorxa coa mellora do trazado e a construción dunha senda peonil. As tarefas contarán cun importante investimento de máis de 1,1 millóns de euros.

O proxecto, aprobado por unanimidade no pleno do pasado venres e publicado hoxe no BOP, permitirá renovar a pavimentación da estrada nuns 2,7 quilómetros de lonxitude, nun tramo no que se atopan a intersección coa vía autonómica AC-231 e a provincial DP-3205.

No comezo da zona de actuación atópanse, ademais, núcleos rurais de pequeno tamaño, sendo Santaia o principal. Así mesmo, o camiño dá acceso a explotacións agrícolas e de transformación vinculadas ao sector primario que xeran un gran volume de vehículos pesados.

Segundo explicou o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, co obxectivo de garantir unhas mellores condicións de circulación, tanto para o tráfico rodado como peonil, ampliarase a plataforma do vial dos cinco metros actuais aos nove, cunha configuración de dous carrís de tres metros e medio cada un e beiravías dun metro. No lugar de Santaia, o trazado da estrada contará cunha variante de cen metros que permitirá eliminar tres curvas moi acusadas e alonxar a plataforma do centro parroquial e do cemiterio, reordenando os accesos e facilitando o tránsito de vehículos pesados ás instalacións de transformación dunha cooperativa agropecuaria.

Senda peonil

Dentro das actuacións financiadas pola Deputación inclúese a construción dunha senda peonil na marxe esquerda da vía de un quilómetro de lonxitude e dous metros de ancho con pavimento de formigón coloreado. As tarefas tamén contemplan a renovación integral do sistema da drenaxe, así como a reposición da iluminación afectada polas actuacións e o repintado de marcas viais e sinalización vertical. Do mesmo xeito, reporase a vexetación que se elimine para ampliar a calzada.

Para levar a cabo os traballos, que contarán cun prazo de execución de nove meses, a Deputación da Coruña reserva un orzamento de 156.304 euros para as expropiacións necesarias.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X