Estás en:Emprego Novas

A Deputación destina máis de 425.000 euros para mellorar o pavimento da DP-4603 entre Melide e Ribadulla

Os traballos de reposición de firme executaranse entre os puntos quilométricos 1+070 e 5+821

A actuación inclúe a dotación dunha nova capa de mestura asfáltica en quente así como a sinalización e balizamento da estrada

A Deputación destina máis de 425.000 euros para mellorar o pavimento da DP-4603 entre Melide e Ribadulla

A Deputación da Coruña realizará un investimento de 426.457,80 euros para a mellora do pavimento da DP-4603, estrada que conecta Melide co núcleo de Ribadulla, entre os puntos quilométricos 1+070 a 5+821.

Os traballos, aprobados por unanimidade na sesión de pleno do pasado venres, publícanse hoxe no BOP dentro da terceira fase do Plan de conservación de vías provinciais que suporán investimentos por máis de 2 millóns de euros.

O proxecto contempla a recuperación do firme dunha vía que na actualidade presenta unha importante deterioración como consecuencia do paso do tempo, dos efectos climáticos e do volume de vehículos que rexistra en diferentes tramos.

As obras inclúen o saneamento da capa superficial do pavimento coa dotación dun novo estrato de mestura asfáltica en quente que permitirá asegurar as condicións de seguridade para o tráfico rodado. Unha vez concluída esta fase da actuación executaranse tarefas de sinalización e balizamento da vía.

O tráfico permanecerá limitado a un só carril durante a execución das obras para poder manter en servizo a conexión en todo momento. Unha vez iniciada a intervención, o prazo para a conclusión dos traballos será de dous meses.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X