Estás en:Emprego Novas

Rioboo reuniuse hoxe cos promotores do proxecto empresarial Ruta N-VI, xestado no coworking do Pazo de Arenaza

O deputado felicitou aos emprendedores polo éxito e animounos a seguir desenvolvendo o seu proxecto. "É unha satisfacción ver como os proxectos que comezaron a xestarse en Arenaza van crecendo e consolidándose", afirmou.

Rioboo reuniuse hoxe cos promotores do proxecto empresarial Ruta N-VI, xestado no coworking do Pazo de Arenaza

O deputado Jose Ramón Rioboo reuniuse con Xosé Ramón Nóvoa para coñecer de primeira man o proxecto empresarial Ruta N-VI que están a desenvolver no coworking do Pazo de Arenaza, centro piloto da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo impulsada desde o Plan de emprego local (PEL).

Estes coworkers, que crearon a axencia de retail marketing Chewaca desde Arenaza, promoven o produto turístico Ruta N-VI, deseñado para converter a histórica estrada radial na vindeira Ruta 66 española. Con esta iniciativa queren potenciar un turismo diferente, máis consciente, o do slow travel, pero tamén dar a coñecer e revalorizar a antiga estrada a Madrid, que ofrece toda unha ampla variedade de puntos de interese, desde gasolineiras e moteis decadentes a cultivos e pequenos pobos.

O pasado mes de maio estes emprendedores presentaron a súa iniciativa á primeira axencia de aceleración turística impulsada pola Xunta de Galicia: Turislab. Na edición en curso presentáronse 80 proxectos, dos que soamente 15 resultaron seleccionados, entre eles a Ruta N-VI, que curiosamente se está a desenvolver practicamente enriba da estrada que lle dá nome.
O proceso na academia xa rematou e durante a primavera de 2022 o proxecto será presentado oficialmente.

O deputado, Jose Ramón Rioboo, felicitou os emprendedores polo seu éxito e animounos a seguir desenvolvendo o seu proxecto. "É unha satisfacción ver como os proxectos que comezaron a xestarse en Arenaza van crecendo e consolidándose", afirmou.

A Ruta N-VI conta cun mercado de 11 millóns de potenciais clientes directos e indirectos ao largo dos 600 km de percorrido desde o noroeste do país atravesando tres comunidades autónomas, oito provincias e máis de 70 concellos.

Pode atopar máis información na páxina web da Ruta N-VI: https://rutanvi.com/

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X