Rioboo felicita aos gañadores dos Premios Emprende Coruña 2021 e destaca a aposta da Deputación polo emprendemento
O deputado de Emprego participou no xurado e na entrega de galardóns e agradeceu "a contribución dos emprendores e emprendoras ao benestar social e o progreso económico" de Galicia

O deputado de Transición Ecolóxica e Emprego, José Ramón Rioboo, participou esta noite en Oleiros na entrega dos premios Emprende Coruña 2021, organizados por AJE Coruña.
Rioboo, que foi tamén membro do xurado dos galardóns, destacou o elevado nivel das candidaturas presentadas, felicitou os gañadores e agradeceu "a contribución dos emprendedores e emprendedoras ao benestar social e o progreso económico da provincia da Coruña e de Galicia".
"Na Deputación cremos coma vós que é importante premiar o esforzo e recoñecer a importancia de promover o talento emprendedor para que xere emprego e oportunidades na nosa terra", afirmou o deputado, que felicitou tamén a AJE por manter durante vinte e dous anos un galardón que pon en valor a innovación, o esforzo, a creatividade, a xeración de emprego e a responsabilidade social corporativa das nosas empresas".