Estás en:Emprego Novas

O Parque Arqueolóxico da Idade do Ferro dá outro paso adiante coa constitución do seu Consello Asesor

A Deputación da Coruña terá participación no novo comité, que confirmou que o Parque actuará no castro das Cercas (Rianxo), Neixón e O Achadizo (Boiro), Croa de Posmarcos (Pobra do Caramiñal), A Cidá (Ribeira), Baroña (Porto do Son) e Bexo (Dodro)

Na xuntanza celebrada hoxe no Centro de Interpretación do Castro de Baroña aprobáronse tamén os pregos do Plan director e presentouse a imaxe corporativa do proxecto

O Parque Arqueolóxico da Idade do Ferro  dá outro paso adiante coa constitución do seu Consello Asesor

O Consello de Dirección do Parque Arqueolóxico da Idade do Ferro reuniuse esta mañá no Centro de Interpretación do Castro de Baroña para celebrar unha nova xuntanza na que se constituíu o Consello Asesor, aprobáronse os pregos do Plan director e presentouse un avance da imaxe corporativa e da páxina web do proxecto. Na reunión participaron representantes da Deputación da Coruña, dos municipios da Mancomunidade Barbanza Arousa e dos Concellos de Porto do Son e de Dodro.

O novo Consello Asesor, no que terán participación a Deputación coruñesa, a Universidade da Coruña e a Dirección Xeral de Patrimonio, quedou formado por técnicos dos departamentos de Turismo dos concellos, especialistas en arqueoloxía que desenvolven o seu traballo nos centros de interpretación asociados aos castros que constitúen os recursos do Parque e en institucións como a Universidade de Santiago de Compostela ou o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

As partes implicadas comprometéronse en avanzar no obxectivo de xestionar, de maneira conxunta, a promoción do patrimonio arqueolóxico, a posta en valor dos recursos históricos, a promoción do turismo cultural e de calidade e a cooperación institucional como os principais eixos do convenio de colaboración.

"A Deputación", sinalou o vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, "suma forzas cos concellos para facer do patrimonio arqueolóxico un atractivo máis para o sector turístico nunha comarca con múltiples e diversos atractivos". "O de hoxe", engadiu, "é un paso máis no impulso definitivo por un turismo sostible e de calidade, aproveitando recursos de especial interese para o territorio que contribuirán a diversificar un destino coñecido por outros valores seguros como son as súas praias, a súa paisaxe ou a súa gastronomía".

O Consello de Dirección confirmou que o Plan director da Idade do Ferro recollerá as actuacións que se van realizar no castro das Cercas (Rianxo), Neixón e O Achadizo (Boiro), Croa de Posmarcos (A Pobra do Caramiñal), A Cidá (Ribeira), Baroña (Porto do Son) e Bexo (Dodro). "Falamos dun territorio", explicou Regueira, "que presenta a maior densidade de castros investigados cientificamente, que xa aparece identificado desde fontes clásicas romanas e que conta cun relato arqueolóxico común que ten o seu cerne na evolución da sociedade na Idade do Ferro".

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X