Estás en:Emprego Novas

A Deputación e a Federación Española de Surf conciencian a 3.000 rapazas e rapaces da provincia no valor patrimonial e natural dos océanos

Valentín González Formoso asinou co vicepresidente da Federación o acordo de colaboración para esta iniciativa, á que o ente provincial achega 20.000 euros

O proxecto pretende fomentar unha cultura do surf sostible e medioambientalmente responsable

"Nun deporte coma o surf, practicado en espazos naturais, é fundamental visibilizar a necesidade de coidar do medio, de poñer en valor a súa biodiversidade e de comprender que só así é posible practicar actividade física na contorna", sinalou Formoso.

A Deputación e a Federación Española de Surf conciencian a 3.000 rapazas e rapaces da provincia no valor patrimonial e natural dos océanos

A Deputación da Coruña apoia á Federación Española de Surf no proxecto 'Aprende a través do surfing', co que 3.000 nenos e nenas da provincia se formarán na importancia dos océanos co obxectivo de crear unha cultura do surf sostible e medioambientalmente responsable.

O convenio de colaboración entre ambas as entidades foi asinado esta mañá na sede provincial polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o vicepresidente da Federación, Román Díez. O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, tamén estivo presente na sinatura do acordo. A través deste, a Deputación achega 20.000 euros para a iniciativa deportiva, o que supón o 48,6% do custo total, que é de 41.700 euros.

O proxecto permite concienciar e valorar a rapazada no patrimonio natural dos océanos, co obxectivo de identificar os nosos mares como recurso patrimonial e natural a través da práctica do surf. A proposta imbuiralle á mocidade os coñecementos e respecto sobre o océano, o seu valor patrimonial, natural e turístico, así como os seus perigos, fomentando, ao mesmo tempo, a afección a este deporte.

O orzamento provincial permitirá cofinanciar, ademais destas formacións, as actividades de bautismo de surfing, así como a xestión técnica, gastos xerais, xestión, comunicación ou a plataforma en liña da iniciativa.

"Nun deporte coma o surf, practicado en espazos naturais, é fundamental visibilizar a necesidade de coidar do medio, de poñer en valor a súa biodiversidade e de comprender que só así é posible practicar actividade física na contorna", sinalou no acto de sinatura Valentín González Formoso. O presidente provincial remarcou "a necesidade desta iniciativa nas novas xeracións, que teñen que medrar sendo coñecedores da necesidade de causar o mínimo impacto negativo na paisaxe, valor esencial para a cultura do surf", argumentou.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X