Estás en:Emprego Novas

González Formoso inaugura o centro de emprendemento ‘A Estación’ de Vedra, que se suma á Rede de Espazos de Coworking da Deputación

O presidente provincial destacou no acto de presentación a capacidade destes lugares para "xerar oportunidades para a xente moza, fomentando a iniciativa empresarial e o autoemprego"

O rexedor de Vedra, Carlos Martínez, agradeceu a aposta e o apoio da Deputación á iniciativa e informou de que o proxecto está "arquitectonicamente pendente de rematar, irémolo completanto e aumentando"

O coworking atópase nunha antiga estación de tren rehabilitada para converterse en centro de apoio ao emprendemento

Dispón de dous espazos de traballo, dúas salas de reunións, unha aula de formación, unha zona coworking con ata dez postos fixos, un pequeno auditorio e un espazo multiusos

González Formoso inaugura o centro de emprendemento ‘A Estación’ de Vedra, que se suma á Rede de Espazos de Coworking da Deputación

O centro de emprendemento 'A Estación' de Vedra súmase á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña. O presidente Valentín González Formoso, inaugurou hoxe, xunto co alcalde do municipio, Carlos Martínez Carrillo, o lugar, localizado na antiga estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla.

González Formoso destacou no acto de presentación "o importante papel que desempeñan os lugares desta rede, impulsada polo noso Plan de emprego local, para xerar oportunidades para que a xente moza poida crear o seu proxecto vital na súa contorna, asentando o talento no noso territorio e fomentando a iniciativa empresarial e o autoemprego".

A institución provincial achega 58.100 euros para contribuír ao financiamento das iniciativas deste singular espazo, que inclúen desde actividades de formación e titorización, ata de apoio e difusión de proxectos de emprendedores e emprendedoras. A contía dedicada pola Deputación sufraga o 79,5% do custo total.

O presidente provincial incidiu en que "este espazo é froito dun esforzo histórico levado a cabo de forma conxunta por distintas administracións", e destacou a "sensibilidade de Adif, que permitiu a posibilidade de darlle unha nova vida a esta construción".

Pola súa banda, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, definiu a Deputación como a "entidade de todos os concellos, sobre todo dos máis pequenos" e agradeceu ao presidente provincial o apoio ao proxecto. "Primeiro polo cariño co que sempre viron a iniciativa, que incluso foi galardoada nos premios do Plan de emprego local (PEL), e segundo polo apoio económico, moi grande e importante para poñela en marcha e para entrar na Rede de Espazos de Coworking". O rexedor anunciou que o espazo, que foi recuperado e definido como zona de formación e promoción do emprendemento, "arquitectonicamente aínda está pendente de rematar, irémolo completando e aumentando".

Un espazo para o desenvolvemento socioeconómico da contorna do Ulla

'A Estación' consta de dous espazos de traballo, dúas salas de reunións, unha aula de formación unha zona coworking con ata dez postos fixos, un pequeno auditorio e un espazo multiusos. O lugar é eficiente enerxeticamente ao nutrirse de enerxía solar e consta dun antigo vagón galardoado nos Premios Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, nos Red Clima e nos premios PEL da Deputación.

O presidente provincial incidiu na importancia dun centro coma este para o concello de Vedra. Un importante medio para contribuír a favorecer o desenvolvemento socioeconómico da contorna do Ulla, poñendo en valor o patrimonio natural, a recuperación ambiental e a xestión sostible do río no seu percorrido polos distintos termos municipais, así como valorizando, promovendo e divulgando os recursos do territorio.

O proxecto busca reter a xuventude e atraer a novos talentos para loitar contra a progresiva perda de poboación do rural a través do fomento do emprego e a dinamización do tecido empresarial nos concellos da comarca do Ulla, a difusión de coñecementos, competencias e habilidades que sexan clave á hora de emprender.

Valentín González Formoso subliñou "a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha gran rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais". Formoso incidiu na importancia de que os centros "aproveiten o potencial e as particularidades propias de cada territorio" e ademais fomenten sinerxías entre emprendedoras e emprendedores.

Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

O centro de emprendemento 'A Estación' súmase así á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, que está conformada polo Pazo de Arenaza en Oleiros, o Forum de Carballo, Daquí Darredor en Brión, LabBarbanza de Boiro, Coworking A Capela, o centro de desenvolvemento comarcal A Fusquenlla de Moeche, o Green Coworking das Pontes, A Proa en Ames e o Coworking A Pobra.

Nos últimos anos, a nova forma de concibir o traballo mudou, e a evolución das novas tecnoloxías, así como o pulo das novas modalidades de economía de carácter social e colaborativo, derivaron nunha aposta polos espazos de traballo compartidos. A raíz disto, o Concello de Vedra considerou o coworking como un eixo de futuro para a creación e a posta en marcha e dinamización do municipio. O obxectivo é contribuír así á creación de novas iniciativas empresariais ás que se lles prestará un abano de servizos de apoio, seguimento e asistencia técnica xeral para impulsalas e afianzalas no tempo.

A importancia deste programa radica non só na súa natureza de colaboración público-privada e no seu ámbito de actuación, nun territorio eminentemente rural da provincia, senón, sobre todo, por todos os recursos que a través del se poñerán en prol do desenvolvemento e benestar de Vedra, en particular, e da comarca, en xeral. Farase a través da formación e profesionalización, o fomento do espírito emprendedor, a creación de empresas, a mellora da competitividade, a colaboración interempresarial e a retención de talento.

Máis información sobre a Rede Provincial de Espazos de Traballo: https://redecoworking.pel.gal

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X